- Pensada para todos os públicos, pero orientada fundamentalmente a mozos de entre 12 e 18 anos, con esta iniciativa preténdese dar certa continuidade ao programa de visitas a esta entidade pública, suspendido en marzo do pasado ano con motivo da COVID-19.
- Un mozo e unha moza describen, dunha forma amena e divertida, a xestión de residuos urbanos no modelo Sogama: desde que se producen nos fogares ata que reciben o tratamento correspondente: reciclaxe, no caso da parte susceptible de ser recuperada por esta vía, ou valorización enerxética, no caso da fracción non reciclable.
Cerceda, a 26 de xaneiro de 2021.- Con motivo da conmemoración do Día Mundial da Educación Ambiental (26 de xaneiro), Sogama lanza unha visita virtual ás súas instalacións, a través de animación en motion graphics, co fin de explicar, dunha forma didáctica, amena e divertida, a actividade desenvolvida no Complexo industrial de Cerceda (A Coruña), onde se centralizan os residuos urbanos procedentes de 295 concellos ou, o que é o mesmo, os producidos por máis de 2.242.000 habitantes.
Pensada para todos os públicos, pero orientada fundamentalmente a mozos de entre 12 e 18 anos, con esta iniciativa preténdese dar certa continuidade ao programa de visitas a esta entidade pública, suspendido en marzo do pasado ano con motivo da COVID-19.
Neste caso, un mozo e unha moza relatan a xestión de residuos urbanos no modelo Sogama: desde que se producen nos fogares ata que se transvasan nalgunha das 37 plantas de transferencia situadas estratexicamente por todo o territorio galego, transpórtanse a Cerceda (por ferrocarril ou estrada) e trátanse no Complexo cercedense, que dispón de todos os mecanismos operativos e tecnoloxías máis innovadoras e vangardistas.
Con tal fin, dispón de distintas infraestruturas polas que discorre o residuo para propiciar a súa valorización, ben a través do seu reciclado, no caso de que as características do material así o permitan, ou ben a súa valorización enerxética, cando se trata de refugallos que non reúnen os requisitos para ser reciclados.
VALORIZACIÓN MATERIAL E/OU ENERXÉTICA
Diferénciase así as dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a xestión de Sogama: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks) depositados pola poboación nos contedores amarelos, que se separan automáticamente por tipoloxías na planta de clasificación para o seu posterior envío aos centros recicladores; e a bolsa negra (lixo convencional), cuxo destino é o contedor verde xenérico e da que consegue segregar a parte reciclable grazas á nova planta que opera en liña coa industria 4.0.
Os residuos non reciclables convértense nun combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica, onde se xera a enerxía suficiente coa que se podería abastecer ao 12% dos fogares galegos.
SEGREGAR EN ORIXE, PRIMEIRO PASO
Os relatores inciden na importancia de separar correctamente os residuos no fogar e depositalos nos contedores correspondentes para que sexan convertidos en novas materias primas, aforrando con isto enerxía e materias primas virxes.
Así mesmo, insisten na necesidade de concibir os refugallos como recursos que forman parte dun modelo de desenvolvemento definido pola economía circular, propiciando que os produtos se manteñan na economía o maior tempo posible a través do seu máximo aproveitamento.
Ligazón vídeo visita guiada: https://vimeo.com/504284591
Saúdos, Departamento de Comunicación