- Así se titula o proxecto co que o CEIP “Virxe do Rocío” de Vigo, un dos 25 centros de primaria que participan este curso académico no programa “Recíclate con Sogama”, quixo render a súa particular homenaxe ao Día Internacional da Reciclaxe.
- Coa colaboración das familias, os escolares plasmaron, nunha serie de obras elaboradas con materiais de refugallo, como está a ser este mes de maio desde as súas casas.
- A través dos distintos traballos pódese comprobar que o espírito primaveral non decaeu, manténdose tamén firme o compromiso dos pequenos co medio ambiente e, sobre todo, a ilusión e a esperanza de que podamos superar este mal momento.
Cerceda, a 21 de maio de 2020.- “Crea o teu maio con material de refugallo”. Baixo este título, o CEIP “Virxe do Rocío” de Vigo levou a cabo unha atractiva iniciativa para render a súa particular homenaxe á xestión sostible dos residuos urbanos e conmemorar dunha forma moi especial o Día Internacional da Reciclaxe (17 de maio).
No marco da crise sanitaria orixinada polo COVID-19, as clases presenciais suspendéronse a mediados do pasado mes de marzo e, tanto profesores como alumnos, tiveron que facer un gran esforzo para adaptarse ás novas circunstancias e seguir traballando desde a distancia para que a aprendizaxe tivera continuidade.
Esta situación non limitou a creatividade nin a imaxinación da comunidade educativa, nin moito menos a iniciativa deste centro de cara a promover actividades atractivas que poidan estimular o interese do alumnado e a participación das familias nos seus proxectos.
Os escolares reflectiron nos seus traballos como está a ser este mes de maio que non poden gozar como quixeran, pero que non truncou para nada a esencia e o colorido da primavera, o anticipo do verán e das vacacións, e, sobre todo, a ilusión e a esperanza de que podamos superar este mal momento.
Os pequenos lograron que revistas, cartóns, briks, tapóns, restos de teas, botellas plásticas e de vidro, e papel, entre outros materiais, se vestiran de gala e se converteran en distintas obras nas que retrataron a natureza: árbores, animais, flores, xarrón, bonecos e plantas.
A mensaxe da reciclaxe está moi presente neste labor pedagóxico a través do cal os pequenos comprenden e interiorizan como o aparentemente inservible se converte en algo útil e como o aparentemente feo se transforma en beleza. En definitiva, como os residuos poden converterse en recursos a través dunha axeitada xestión.
O colexio Virxe do Rocío é un dos 25 centros escolares de primaria que este curso académico participa no programa educativo “Recíclate con Sogama”, a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia.
A súa dedicación, interese, entusiasmo e esforzo traspasou as aulas, posibilitando que a reciclaxe se estenda a cada fogar e a cada familia.
Desde Sogama, o noso máis sincero agradecimiento.