- A adopción de 165 medidas de ecodeseño posibilitou o aforro de 1.700 toneladas de materiais de envasado e a redución do peso medio dos envases nun 1,79%, facéndoos máis respectuosos co medio ambiente
Cerceda, a 3 de maio de 2023.- As compañías farmacéuticas adoptaron o pasado ano 165 medidas de ecodeseño que permitiron, entre outros logros ambientais, reducir nun 1,79% o peso medio dos envases de medicamentos comercializados en España en 2022.
Así se recolle no Segundo Informe de Seguimento do Plan Empresarial de Prevención de Envases do Sector Farmacéutico (PEP) 2021-2023, o oitavo plan elaborado e coordinado por SIGRE para establecer a folla de roteiro da industria farmacéutica cara a unha economía circular nos envases dos medicamentos.
Segundo os datos recompilados no informe, 47 laboratorios farmacéuticos adoptaron en 2022 un total de 165 medidas de mellora ambiental, facendo que 94,8 millóns de envases de medicamentos comercializados en España fosen máis sostibles. Ademais, estas medidas permitiron aforrar 1.700 toneladas de materiais de envasado, contribuíndo así á consecución de 7 dos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 de Nacións Unidas.
Na elaboración do PEP 2021-2023 abordouse o ecodeseño de envases como un dos piares nos que se sustenta o modelo de economía circular impulsado desde a Unión Europea e promovido por SIGRE tanto a nivel interno como externo.
Máis de dúas décadas innovando en ecodeseño
SIGRE é un aliado clave da industria farmacéutica para conseguir un packaking máis sostible e avanzar cara a un modelo de negocio máis circular.
Desde o ano 2000, SIGRE elaborou sete plans trienais de prevención para axudar ás compañías farmacéuticas a que os seus envases sexan cada vez máis ecolóxicos e sostibles. Durante este tempo, os laboratorios aplicaron preto de 3.200 iniciativas de ecodeseño, unhas medidas que perduran no tempo ao incorporarse a novos formatos que se comercializarán ao longo das próximas décadas, multiplicándose así os aforros nas materias primas e enerxía necesarias para a súa produción, transporte e posterior xestión ambiental dos seus residuos.
Ademais destes plans, SIGRE creou en 2017 a primeira web específica sobre ecodeseño en envases farmacéuticos co obxectivo de mostrar ás compañías farmacéuticas, de forma sinxela e didáctica, a forma de aplicar esta metodoloxía de traballo que promove a eficiencia enerxética, a minimización na produción de residuos e a reciclaxe.
SIGRE tamén puxo ao dispor dos seus laboratorios adheridos, outras ferramentas para avanzar neste campo, como a Guía Práctica de Ecodeseño en envases farmacéuticos ou a Guía Técnica de Ecodeseño.
Así mesmo, publicáronse cinco catálogos coas principais iniciativas de prevención e ecodeseño que aplicaron os laboratorios farmacéuticos, contribuíndo así a divulgar o esforzo, o compromiso e a capacidade de innovación deste sector.
Fonte e imaxe: SIGRE