- Esta nova partida súmase a outras dúas anteriores, facendo un total de 9 os composteiros achegados pola empresa pública durante os últimos anos
- Estes recipientes propician que o proceso de autocompostaxe sexa máis cómodo, hixiénico e eficiente, permitindo a transformación da materia orgánica en compost, un abono natural que a entidade utiliza nas súas propias hortas
- A compostaxe visualízase así, non só como unha forma de mellorar a xestión dos refugallos e achegar nutrientes ao solo, senón tamén como unha vía de inserción social
Cerceda, a 2 de maio de 2023.- Sogama entregou a Aspaneps Fene 3 novos composteiros, con capacidade para 400 litros cada un e fabricados con materiais reciclados e reciclables, co fin de reforzar o labor desta entidade social no coidado do medio ambiente a través da autoxestión da materia orgánica, converténdoa nun abono natural que posteriormente utiliza nas súas hortas e cultivos.
Con esta nova partida, xa son 9 os composteiros achegados pola Sociedade Galega do Medio Ambiente a esta organización durante os últimos anos co fin de contribuír ao seu labor social e ecolóxico.
Desde a Aspaneps móstranse convencidos de que a compostaxe contribúe á mellora da xestión dos residuos, facéndoa máis sostible, á vez que achega nutrientes ao solo, reduce as emisións de CO2 á atmosfera e tamén favorece a inclusión social e a sensibilización cidadá. De feito, centros de carácter social de distintas tipoloxías e con diferentes labores, están a utilizar a compostaxe e as hortas comunitarias como unha ferramenta de inserción social para colectivos desfavorecidos e en risco de exclusión
O labor de Aspaneps céntrase en atender necesidades específicas de tipo pedagóxico, psicolóxico e social de nenos e nenas con Problemas Psicosociais e persoas con discapacidade intelectual, co obxectivo de favorecer a súa autonomía persoal e integración social, servindo tamén de apoio ás unidades familiares.
O labor asistencial desta asociación susténtase sobre unha serie de valores tales como a tolerancia ante a diversidade, a honestidade e ética profesional, a solidariedade, o respecto á individualidade e á dignidade das persoas e, por suposto, a protección da contorna e a mellora do ámbito natural.
Saúdos, Departamento de Comunicación