- Con esta declaración, a empresa pública poderá ampliar a súa actividade a novos espazos e terá máis marxe de actuación para completar dentro da súa infraestrutura industrial o circuíto da reciclaxe dos residuos para avanzar cara á economía circular
- É o primeiro proxecto de interese autonómico que se aproba en Galicia
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023 A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da aprobación definitiva do proxecto de interese autonómico (PIA) para a ampliación do complexo medioambiental de Sogama, un instrumento de ordenación propio que permitirá que a empresa pública poida seguir mellorando a eficiencia das súas actuais instalacións en Cerceda.
Tras recibir o visto bo do Consello da Xunta a finais do pasado mes de marzo, esta declaración habilitará unha regulación de usos dos terreos e da edificación no ámbito que abrangue o proxecto de interese autonómico, ao tempo que se sentan as bases para garantir que Sogama avance cara á implantación da economía circular e o cumprimento en prazo dos obxectivos europeos sobre xestión de residuos municipais.
Cómpre subliñar que a solicitude de declaración como PIA deste proxecto fundaméntase no carácter básico e esencial do servizo público que presta Sogama no conxunto do territorio galego a través da xestión e do tratamento dos residuos urbanos que producen os 295 concellos adheridos ao seu sistema xa que representan o 94% das entidades locais galegas e contan cunha poboación superior a 2,2 millóns de habitantes.
Sen embargo e malia este carácter supramunicipal, a súa planta principal rexíase ata o de agora polas Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cerceda, un instrumento urbanístico do ano 1996 con importantes limitacións en canto a superficie edificable, volumes e alturas; condicionando, deste xeito, calquera actuación que a empresa queira materializar para mellorar as prestacións das súas instalacións.
Neste sentido, Sogama decidiu tramitar o PIA co fin de substituír as referidas normas e dotarse dun instrumento de intervención directa, creado pola Lei de ordenación do territorio aprobada en 2021 e que ten por obxecto planificar e proxectar a execución de actuacións que transcenden o ámbito municipal pola súa especial incidencia, como é o caso. De feito, o PIA de Sogama é o primeiro que se aproba definitivamente en Galicia.
A cualificación de interese autonómico da planta de Sogama facilitará e axilizará a ampliación no futuro das súas instalacións en Cerceda, habilitando á empresa a ampliar a súa actividade e construír novas edificacións nos terreos dos que dispón sen someterse aos condicionantes urbanísticos das normas subsidiarias; e permitirá tamén adaptar os parámetros de edificabilidade e alturas ás súas necesidades reais.
Así, a futura ampliación permitirá realizar o ciclo completo de reciclaxe no propio complexo dotándoo de novas instalacións orientadas a converter os residuos en recursos como, por exemplo, unha planta de recuperación de escouras ou unha instalación para a clasificación de residuos téxtiles. Deste xeito, búscase responder de forma efectiva aos retos da economía circular, habilitando novos espazos que permitan completar o proceso de xestión sostible dos residuos no complexo de Sogama.
Por último, cómpre indicar que o ámbito de actuación obxecto deste PIA ten unha superficie total de 805.431,86 metros cadrados e está conformado por 18 parcelas, incluída a correspondente ás actuais edificacións do complexo, que ocupan 50.000 metros cadrados. Ademais, o prazo previsto para iniciar calquera obra de ampliación ou mellora será de 5 anos desde a aprobación do instrumento de ordenación.