- Xunto cos recipientes, Sogama tamén remitiu a este colectivo manuais didácticos de apoio nos que se explica a operativa e pasos a seguir para que os usuarios poidan obter un compost de alta calidade
Cerceda, a 4 de maio de 2023.- Os 30 composteiros subministrados por Sogama á Asociación de Veciños de Cinxe, pertencente ao municipio de Ribadeo (Lugo), atópanse a pleno rendemento e dando servizo a outras tantas familias que habitan en vivendas con terreo (xardín, horta ou terras de cultivo) no que aplicarán o compost resultante, un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que substitúe aos fertilizantes artificiais.
Xunto cos composteiros, Sogama tamén remitiu a estes colectivo manuais didácticos de apoio nos que se explica a técnica e pasos a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra cos requisitos establecidos na normativa vixente e que, polo tanto, poida aplicarse con absolutas garantías na agricultura e xardinería.
OPERATIVA
Con capacidade para 400 litros, e fabricado con materiais reciclados e reciclables, o composteiro constitúe unha ferramenta de gran interese, xa que facilita que o proceso de autoxestión da materia orgánica se leve a cabo dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente.
Este recipiente debe ser colocado no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas e, se é posible, baixo unha árbore de folla caduca, debendo estar en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos organismos descomponedores.
O usuario debe mesturar no mesmo material seco e húmido nunha proporción homoxénea, e controlar parámetros de gran importancia tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
No manual didáctico detállanse os residuos que deben, e non deben, ser introducidos no composteiro, e dáse resposta ás preguntas máis frecuentes, así como aos erros máis comúns.
A compostaxe da materia orgánica trae consigo importantes beneficios ambientais, económicos e sociais, coa particularidade de que, realizando unha correcta segregación dos restos orgánicos en orixe, mellora a selección do resto das fraccións de recollida selectiva.
Saúdos, Departamento de Comunicación