- Con esta nova partida, serán 130 os fogares deste municipio que practicarán a autocompostaxe, un sistema de xestión dos residuos orgánicos con importantes vantaxes ambientais e sociais
Cerceda, a 5 de maio de 2023.- Sogama remitiu ao Concello coruñés de Cee 30 novos composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) co fin de que outras tantas familias poidan autoxestionar a materia orgánica producida nos seus fogares para convertela en compost.
Aínda que se trata dun proceso no que non resulta imprescindible dispoñer dun composteiro, o certo é que este recipiente posibilita que a operativa se leve a cabo polos participantes dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, resultando necesario que estes habiten en vivendas que dispoñan de terreo (horta, xardín ou terras de cultivo) no que empregarán o abono obtido, en substitución dos fertilizantes artificiais. Trátase dun abono natural, con excelentes propiedades para o solo e que, ademais, cumpre con todos os requisitos recollidos na normativa vixente para ser utilizado, con garantías e sen restricións, na agricultura.
Cada unidade familiar recibirá a través do ente local un manual didáctico de apoio no que se explica e detalla a operativa a seguir desde o mesmo momento no que os usuarios se inician nesta práctica, proporcionando unha serie de recomendacións en canto á localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada, preferentemente baixo unha árbore de folla caduca, protexida das inclemencias meteorolóxicas e, por suposto, en contacto directo coa terra para permitir a entrada dos microorganismos descomponedores. Así mesmo, os veciños deben controlar parámetros relevantes que influirán no resultado final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
A autocompostaxe representa unha oportunidade para previr e reducir a produción de residuos, para poñer en valor os restos orgánicos mediante a súa transformación en abono de gran calidade e tamén para mellorar a recollida selectiva do resto das fraccións.
Con esta nova partida, e tendo en conta outras anteriores subministradas por Sogama, serán 130 os fogares de Cee que formarán parte do programa de compostaxe local.
Saúdos, Departamento de Comunicación