- As obras deron comezo e os traballos de demolición das tolvas de recepción de residuos da actual microplanta arrincarán mañá, 8 de maio
- Os concellos que viñan utilizando esta instalación (Ponteceso, Cabana, Laxe e Malpica) poderán trasladar os seus residuos ao Complexo Medioambiental de Cerceda ou ben á planta de transferencia de Santa Comba
- Sogama xa lles ofreceu alternativas para que o servizo de recollida e xestión de residuos nestes municipios non se vexa resentido
- A nova planta, á que se destina un investimento próximo aos 1,5 M€, contará con capacidade para 12.643 t/ano e estará preparada para transvasar, ademais das bolsas amarela e negra, a marrón (FORSU)
Cerceda, a 7 de maio de 2023.- Mañá, luns, 8 de maio, iniciaranse os traballos de demolición das tolvas de recepción de residuos da actual microplanta de Ponteceso, que será substituída por unha instalación de maiores dimensións, capacidade e prestacións, incrementando con isto a súa dispoñibilidade, á vez que se a dota de maior eficiencia.
Debido á imposibilidade de manter en funcionamento a microplanta durante o período de obras -dada a configuración e superficie da parcela dispoñible- Sogama pon ao dispor dos concellos adscritos a esta instalación, isto é, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe e Malpica, alternativas para que o servizo de recollida e xestión de residuos nestas localidades non se vexa resentido.
Así, poderán trasladar os seus refugallos ao Complexo Medioambiental de Cerceda, operativo as 24 horas do día e os 365 días do ano, onde xa veñen entregando a bolsa amarela, ou ben á planta de transferencia de Santa Comba. En todo caso, Sogama móstrase aberta a facer posibles axustes nos horarios desta instalación e adaptalos ás necesidades dos entes locais.
NOVA PLANTA DE TRANSFERENCIA
O recinto no que se levanta a nova planta de transferencia, situada nas inmediacións do parque empresarial de Tella, conta cunha superficie de 5.235 m2, dos cales 1.000 m2 reservaranse para zonas verdes, ocupando 650 m2 a nave na que se levará a cabo o proceso de transferencia dos residuos.
Con capacidade para 12.643 toneladas anuais, a instalación estará preparada para transvasar, ademais da bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks recolleitos a través do contedor amarelo) e bolsa negra (fracción resto recollida a través do contedor xenérico), a bolsa marrón, é dicir, a materia orgánica (FORSU) depositada de forma diferenciada no contedor marrón, que se atopa en fase de implantación na comunidade.
A planta disporá dun sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, desligando con isto o seu funcionamento do estado do transporte, que pode sufrir atrasos debido ás condicións do tráfico, avarías, indisposición dos condutores etc. Así mesmo, contará cun parking de contedores, edificio de oficina, vestiario e almacén, e estará alimentada con paneis solares a fin de que sexa autosuficiente desde o punto de vista enerxético.
Adxudicada por un importe próximo aos 1,5 millóns de euros, a previsión é que a obra estea culminada o próximo mes de outubro.
INTEGRADA NA REDE GALEGA PARA A VALORIZACIÓN DE FORSU
Cómpre lembrar que a normativa europea obriga aos concellos, que son os que teñen as competencias en materia de residuos, a instaurar a recollida diferenciada da materia orgánica (FORSU) antes do 31 de decembro de 2023.
Coa intención de axudar aos entes locais, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, completará este ano a rede de instalacións que posibilitarán a transformación dos residuos orgánicos en compost, un abono natural con excelentes propiedades para o solo e que se utilizará no ámbito da agricultura e a gandería.
Esta rede, á que se destina un investimento de 40 millóns de euros, dos cales 30 millóns proceden dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do Covid-19, estará conformada por 4 plantas de biorresiduos -unha por provincia- (Cerceda, en funcionamento; Cervo e Verín, que entrarán en operación o próximo 1 de xuño, e Vilanova de Arousa, que o fará no segundo semestre) e 13 plantas de transferencia de apoio (6 de nova construción e 7 sometidas a remodelación).
O obxectivo é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.