- No transcurso dun encontro celebrado na sede de Sogama, a directora xeral, Mirta Sueiro Costoya, expuxo os aspectos máis salientables do novo plan estratéxico da entidade para o período 2024-2030, cuxo obxectivo é pasar de ser unha empresa xestora de residuos a unha empresa xeradora de recursos
- Pola súa banda, os investigadores de CRETUS deron conta dalgunhas das posibles contribucións que se poderían facer á nova folla de ruta de Sogama e explicaron os proxectos, xa realizados e en vigor, orientados á valorización de residuos para a súa transformación en recursos de valor engadido
Cerceda, a 8 de maio de 2023.- Recentemente, representantes de CRETUS (Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela), mantiveron unha reunión coa Dirección de Sogama, na sede desta última, en Cerceda, coa finalidade de compartir experiencias, propostas e proxectos.
Por parte da directora xeral, Mirta Sueiro Costoya, expuxéronse os aspectos máis relevantes do novo plan estratéxico da entidade para o período 2024-2030, salientando ao respecto que a innovación, a dixitalización, a descarbonización dos procesos e a economía circular adquirirán especial protagonismo, toda vez que o obxectivo último de Sogama é pasar de ser unha empresa xestora de residuos a unha empresa xeradora de recursos.
A directora de CRETUS, María Teresa Moreira Vilar, fixo o propio, explicando as áreas nas que este centro focaliza as súas actividades de I+D, sendo a súa pretensión impulsar a investigación multidisciplinar, así como o desenvolvemento, a implementación e a avaliación de solucións tecnolóxicas avanzadas que dean resposta aos retos ambientais da sociedade, contribuíndo deste xeito á transición cara a unha verdadeira economía circular e, en consecuencia, cara á sostibilidade do planeta.
Os investigadores de CRETUS que participaron no encontro deron conta dos proxectos, xa realizados e en vigor, orientados, entre outras temáticas, á valorización de residuos para a súa transformación en recursos de valor engadido, á xestión e tratamento de efluentes, á análise do ciclo de vida e de custos, así como á avaliación da percepción e aceptación social. Tamén aludiron aos proxectos de cooperación transfronteiriza Res2ValHum e Res4VALOR, ambos os dous cofinanciados polo Fondos FEDER dentro do programa Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
O grupo foi recibido polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, con quen intercambiou impresións, realizando posteriormente unha visita guiada ao Complexo Medioambiental de Cerceda.
Saúdos, Departamento de Comunicación