- Trátase dunha iniciativa con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais
- A empresa pública tamén remitirá ao Concello manuais de autocompostaxe para que sexan distribuídos, xunto cos composteiros, entre os veciños a fin de que estes dispoñan de toda a información sobre a técnica a aplicar
Cerceda, a 10 de maio de 2023.- Sogama, en resposta á solicitude do Concello de Rodeiro, entregará nesta localidade pontevedresa 25 novos composteiros, que serán repartidos entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo para que os participantes poidan pechar in situ o ciclo de reciclaxe da materia orgánica mediante a súa conversión en compost, un abono natural rico en nutrientes para plantas e cultivos, e que, ademais, actúa como escudo fronte a pragas e enfermidades.
Os composteiros, con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, posibilitan que o proceso se leve a cabo dunha forma máis cómoda, hixiénica e eficiente, recuperando así unha práctica tradicional no rural galego como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Con esta nova subministración, serán 130 os fogares de Rodeiro incorporados ao programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia e que trae consigo importantes beneficios, tanto ambientais como económicos e sociais.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se xestiona no propio fogar, evítase o seu depósito no contedor, circunstancia que podería propiciar unha diminución na frecuencia de recollida e transporte por parte dos servizos municipais e, polo tanto, unha redución das emisións de CO2 á atmosfera.
Igualmente, evítase a entrega desta fracción de residuos en planta de tratamento, o que posibilita unha redución de custos, coa particularidade de que a correcta separación dos refugallos orgánicos, mellora a recollida selectiva do resto das fraccións de lixo.
Sogama tamén remitirá ao Concello manuais didácticos de apoio para repartir entre os veciños participantes neste programa co obxectivo de que lles sirvan de guía na aplicación da técnica: desde a propia localización do composteiro, que debe estar nunha zona sombreada, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca, protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que poden, e non poden, depositarse no mesmo, a mestura equilibrada entre material húmido e seco, e o control de parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, neste manual dáse resposta ás preguntas máis habituais por parte dos usuarios e aos erros máis comúns.
Saúdos, Departamento de Comunicación