-
O obxectivo de ámbolos dous entes locais é estender a autoxestión da materia orgánica a novas vivendas, dados os seus importantes beneficios
-
A empresa pública entregou 25 recipientes en cada caso, facendo un total de 245 en Vilarmaior e 50 en Ares, municipio este último incorporado recentemente ao seu programa
Cerceda, a 30 de abril de 2024.- No marco do programa de compostaxe doméstica que Sogama lidera en Galicia, e ao que están adscritos 228 concellos, entre eles os coruñeses de Ares e Vilarmaior, a empresa pública, a solicitude destes dous, entregou nos mesmos novas partidas de composteiros (25 unidades en cada caso) co fin de que poidan ampliar a autoxestión da materia orgánica a novos fogares.
En todo caso, deben ser vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que aplicar o compost resultante, un fertilizante natural con excelentes propiedades para o solo. O obxectivo último é que se recupere esta fracción de residuos no propio ámbito familiar e se peche o ciclo do seu aproveitamento, regresando á terra para dar unha nova vida.
Esta práctica, arraigada no medio rural galego, non só trae consigo beneficios ambientais, senón tamén económicos e sociais.
Desta forma, e a fin de que o proceso sexa máis hixiénico, cómodo e eficiente, dótase ás familias cun composteiro, con capacidade para 400 litros, e fabricado con materiais reciclados e reciclables. O recipiente debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.
Faise necesario que os usuarios realicen un control do proceso, garantindo que a mestura teña un equilibrio entre fracción seca e húmida, e vixiando parámetros tales como o osíxeno, a temperatura e a humidade. A pretensión última é obter un compost de alta calidade e que cumpra con todas as esixencias contempladas na normativa vixente para ser aplicado ao solo con absolutas garantías.
Con estas últimas entregas, Vilarmaior pasará a ter 245 composteiros achegados por Sogama, e funcionando noutros tantos fogares, e Ares, que se adheriu recentemente ao programa da empresa pública, un total de 50.
A día de hoxe, un total de 466 entidades (228 concellos, 206 centros educativos e 32 colectivos sociais) están adheridas ao programa de autocompostaxe de Sogama, tendo repartido entre as mesmas, e de forma gratuíta, preto de 22.000 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación