Noticias
10 Tips Sogama para un verán sostible
-
Os residuos, lonxe de marchar de vacacións, mesmo se ven incrementados exponencialmente nos meses estivais, especialmente nas zonas máis turísticas
-
Por iso, é preciso non baixar a garda e seguir colaborando na correcta xestión dos mesmos
Cerceda, a 29 de xullo de 2024.-No verán, os residuos non só non se van de vacacións, senón que mesmo se ven incrementados de forma exponencial nos destinos de maior afluencia turística.
É por isto que se fai necesario non baixar a garda e seguir colaborando activamente na correcta xestión dos nosos refugallos desde calquera lugar e durante calquera actividade.
- Consome de forma consciente, informada e responsable. Non te deixes levar polos impulsos e pregúntate se realmente necesitas un determinado produto ou servizo.
- Reutiliza obxectos, pezas e accesorios da tempada pasada tales como bikinis, bañadores, toallas… Non fai falta renovalos cada ano se aínda están en boas condicións.
- No verán, o consumo de produtos envasados aumenta de forma considerable, así que, de ser posible, opta por comercializacións a granel e leva o teu propio tupper ou envase á tenda, evitando así a utilización desmedida de envases e envoltorios.
- Rexeita as bolsas plásticas de usar e tirar, procura utilizar a túa ou o tradicional carro, e, para compras improvisadas, leva sempre contigo unha bolsa reutilizable (opta polas pregables se queres que ocupen pouco espazo).
- Festas familiares, comidas ao aire libre, picnis, etc, son eventos que convidan a utilizar materiais de usar e tirar, xesto que incrementa os refugallos producidos. Foxe destas malas prácticas e dá preferencia a vaixelas, cubertos, vasos, panos de mesa e utensilios reutilizables.
- As comidas en restaurantes aumentan, así que ollo co desperdicio alimentario. Pide as racións que realmente vaias consumir e, en caso de sobras, solicita que chas preparen para levar.
- As celebracións tamén se multiplican na época estival. Se non queres renunciar ao confeti, elíxeo biodegradable.
- Selecciona os teus residuos en orixe e introdúceos no contedor correspondente para posibilitar o seu posterior reciclado.
- No sistema Sogama, o contedor amarelo está destinado a acoller envases de plástico, latas e briks; o marrón, a materia orgánica; e o xenérico, a fracción resto. Adicionalmente, atoparás o azul, para o papel e cartón; e o iglú verde, para os envases de vidro.
- Nada ao chan. Mantén limpas as rúas, os areais e os espazos naturais e urbanos. Se non tes onde depositar os teus residuos, gárdaos ata que atopes unha papeleira ou contedor.
Con estes sinxelos consellos, un verán sostible, é posible.
Saúdos, Departamento de Comunicación