As nosas instalacións

Rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica

Esta rede está conformada por 4 plantas de biorresiduos: Cerceda (A Coruña), Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), e 13 plantas de transferencia de apoio

A rede de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, impulsada pola Xunta de Galicia e executada por Sogama, contou cun investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER REACT EU como resposta da Unión Europea á crise do COVID-19.

Esta rede está conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia) e 13 plantas de transferencia de apoio.


Plantas de biorresiduos

 

Cerceda (A Coruña)

Capacidade para tratar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica

Cerceda

Vilanova de Arousa (Pontevedra)

Capacidade para tratar 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e 7.000 toneladas de material estruturante (podas e restos de madeira)

Vilanova

Cervo (Lugo)

Capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica, ademais de 1.600 toneladas de material estruturante

Cervo

Verín (Ourense)

Capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica, ademais de 1.600 toneladas de material estruturante

Verín

 

As catro plantas de biorresiduos integran as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así coma os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. Desta forma, garántese en todos os casos unha actividade industrial respectuosa co medio ambiente e o benestar da cidadanía.

Ademais, unha parte das mesmas é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.

 

Plantas de transferencia de apoio

 

A Lama Arbo Riotorto Planta de transferencia

 

No caso das plantas de transferencia de apoio, 6 son de nova construción (A Lama e Arbo, na provincia de Pontevedra; Cee, Curtis e Ponteceso, na provincia da Coruña; e Riotorto, na de Lugo) e 7 foron sometidas a remodelación para adaptalas aos requisitos de xestión da materia orgánica. É o caso da de San Cibrao das Viñas e A Rúa, na provincia de Ourense; Silleda, O Porriño e Vigo, na de Pontevedra; Lugo (cidade); e Narón (na provincia da Coruña).

En todas elas, unha tolva específica acolle a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón e transvásaa a contedores de maior capacidade que inmediatamente a transportan ata a planta de biorresiduos máis próxima para a súa compostaxe.

Con este mapa de infraestruturas, o obxectivo da Xunta de Galicia é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia, circunstancia que, ademais de representar un aforro de custos para os entes locais, reforza o principio de proximidade na xestión de residuos, diminuíndo as emisións de CO2 ao verse reducido o transporte por estrada.

Preferencias de cookies