- Durante os próximos días, Sogama entregará ao ente local 150 novos composteiros que, sumados aos 350 subministrados en 2020, fan un total de 500 as vivendas unifamiliares que formarán parte desta iniciativa, con importantes beneficios ambientais, económicos e sociais.
- A fin de que os veciños que se somen a este programa coñezan os pormenores do mesmo e obteñan un compost de calidade, técnicos ao servizo desta empresa pública impartirán senllos cursos de formación presencial no MOME os días 24 e 26 de outubro, ás 19:00 horas.
- Así mesmo, os asistentes recibirán un manual didáctico de apoio no que se explica de forma detallada a operativa a seguir.
Cerceda, a 7 de outubro de 2022.- A petición do Concello da Estrada (Pontevedra), Sogama entregará neste municipio, e durante os próximos días, 150 novos composteiros para que outras tantas familias formen parte do programa de compostaxe doméstica activado polo ente local e a empresa pública en 2020.
Esta nova partida de recipientes, que terán as mesmas características que os subministrados hai dous anos (capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables), distribuiranse entre as vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo (horta, xardín e/ou terras de cultivo) a fin de aplicar no mesmo o compost resultante, pechando así o ciclo do seu aproveitamento nun marco de economía circular. Deste xeito, a materia orgánica regresa de novo á terra en forma de fertilizante natural para dar unha nova vida.
Estes 150 composteiros súmanse aos 350 subministrados por Sogama ao Concello en 2020, facendo un total de medio milleiro. Desta forma, A Estrada pasará a posicionarse coma un dos concellos adscritos ao programa de autocompostaxe impulsado por esta compañía pública con maior número de composteiros en funcionamento.
Dado que a materia orgánica representa en torno ao 42% da composición media dunha bolsa de lixo tipo, se esta se recupera en orixe, evítase o seu depósito no contedor xenérico, permitindo aos servizos municipais reducir a frecuencia de recollida e transporte do residuo convencional e, polo tanto, diminuír as emisións de CO2 á atmosfera.
Ademais, ao entregar menos refugallos nas instalacións de Sogama, minórase o importe da factura que o Concello debe abonar a esta empresa. Así mesmo, tense comprobado que, ao separar en orixe a fracción orgánica, mellora tamén a clasificación do resto de materiais que deben ser depositados nos contedores correspondentes para propiciar o seu posterior reciclado e, en consecuencia, a súa transformación en novas materias primas.
INFORMACIÓN E FORMACIÓN
Co obxectivo de explicar aos novos participantes os pormenores da operativa a seguir, técnicos da Sociedade Galega do Medio Ambiente impartirán na Estrada, concretamente os días 24 e 26 de outubro, senllos cursos de formación presencial que convocará o propio Concello e que se levarán a cabo, ás 19:00 horas, no MOME (Museo do Moble e a Madeira).
Será o propio Concello quen lance a correspondente convocatoria. Alí, os asistentes terán a oportunidade de ampliar os seus coñecementos, consultar as súas dúbidas, non só en relación á compostaxe, senón tamén sobre o sistema de recollida selectiva de residuos en xeral, e mesmo de compartir experiencias.
Os coñecementos trasladados aos estradenses nestes encontros serán reforzados coa dotación de manuais didácticos de apoio nos que se relata o protocolo a seguir para obter un compost de alta calidade: desde a propia localización do composteiro, que debe colocarse no exterior da vivenda, nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores, ata a relación de materiais que deben -e non deben- introducirse no mesmo, así como o control de parámetros de gran relevancia como son o osíxeno, a temperatura e a humidade. Desta forma garantirase que o abono resultante cumpre con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente, podendo ser aplicado na agricultura e xardíns con absolutas garantías e sen restricións.
Saúdos, Departamento de Comunicación