- Representantes de distintos sectores sociais sumáronse á gran recollida colaborativa que LIBERA convoca anualmente para retirar o lixo presente na natureza e concienciar sobre este grave problema ambiental
Cerceda, a 6 de xuño de 2023.- O pasado sábado, 3 de xuño, e de forma simultánea en 970 puntos de toda España, preto de 17.000 persoas voluntarias participaron na campaña ‘1m2 contra a basuraleza’ do Proxecto LIBERA, de SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, para chamar a atención sobre o abandono de residuos en espazos naturais.
Por sétimo ano consecutivo, representantes de distintos sectores da sociedade sumáronse á gran recollida colaborativa que LIBERA convoca anualmente para retirar o lixo presente na natureza e concienciar sobre este grave problema ambiental que afecta á conservación dos espazos naturais e as especies, ademais de ter graves consecuencias como a contaminación de solos e auga, ou a xeración de incendios.
A campaña, enmarcada no Día Mundial do Medio Ambiente, contou co apoio de entidades investigadoras, educativas, sociais ou deportivas, así como de decenas de concellos, Parques Nacionais e Confederacións Hidrográficas, entre outras. Grazas ao compromiso e a mobilización dos voluntarios, conseguiuse liberar de basuraleza contornas naturais terrestres, fluviais e mariños de todas as provincias españolas e das dúas cidades autónomas.
Fonte e imaxe: Libera