- Isto quere dicir que a porcentaxe de impropios (residuos que non deberían terse depositado no contedor marrón) unicamente representa o 1,09%
- A este balance positivo, súmase tamén os bos resultados das mostraxes que se veñen realizando no caso doutros concellos adscritos a esta instalación: Carballo, Cerceda, A Laracha, Santa Comba e Cabana de Bergantiños
- O presidente executivo da empresa pública, Javier Domínguez, mostrouse moi satisfeito ao respecto e anima aos municipios que se atopan na área de influencia da planta de Sogama a que implanten xa a recollida selectiva da materia orgánica
Cerceda, a 24 de outubro de 2022.- As caracterizacións da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través dos primeiros contedores marróns instalados en Santiago de Compostela por parte do Concello, e realizadas por unha empresa externa, arroxan uns magníficos resultados, cunha calidade desta fracción de refugallos que roza o 99%. Isto quere dicir que a porcentaxe de impropios (residuos que non deberían terse depositado no recipiente marrón) unicamente ascende ao 1,09%, figurando entre os mesmos algún envase de plástico e bolsa non compostable.
Ao balance positivo que se pode facer da materia orgánica compostelá, súmase tamén os bos resultados das sucesivas caracterizacións que se veñen realizando no caso doutros concellos que, desde hai meses, entregan os seus residuos orgánicos na planta de compostaxe de Sogama. É o caso de Carballo, Cerceda, A Laracha, Santa Comba e Cabana de Bergantiños, que acadaron unha media de elementos propio superior ao 96%.
Con estas mostraxes acredítase a gran colaboración da cidadanía, así coma o traballo excepcional que están a levar a cabo os entes locais para que os refugallos orgánicos depositados no contedor marrón poidan converterse nun compost de alta calidade que, posteriormente, será utilizado na agricultura e xardinería como fertilizante natural que destaca polas súas extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo, pois, máis aló de nutrilo, protéxeo tamén fronte a pragas e enfermidades.
O presidente executivo da Sociedade Galega do Medio Ambiente, Javier Domínguez Lino, manifestou a súa satisfacción por estes resultados, que cualifica como realmente bos, e felicita, tanto ao Concello de Santiago como aos composteláns que están a participar activamente no sistema de recollida selectiva de residuos, para que continúen cooperando na xestión sostible dos refugallos municipais; unha felicitación que fai tamén extensiva aos entes locais do resto dos municipios adscritos á planta de compostaxe cercedense, dado o seu interese, esforzo e traballo.
A REDE DE VALORIZACIÓN DA MATERIA ORGÁNICA TOMA FORMA
A rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para axudar aos concellos no cumprimento da normativa, malia que son estes os responsables da xestión e tratamento dos residuos municipais, vai tomando forma, sendo o seu obxectivo que, no ano 2023, entren en funcionamento, de forma graduada, as instalacións que conformarán esta rede. A mesma estará integrada por 4 plantas de biorresiduos (unha por provincia): Cerceda (A Coruña), xa operativa; Cervo (Lugo), cuxa construción estará culminada en decembro deste ano; Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense).
As catro instalacións estarán reforzadas por 13 plantas de transferencia (6 de nova construción e 7 que serán adaptadas co fin de que todas elas conten cunha tolva específica para o transvase da materia orgánica, que, posteriormente, será transportada ata a planta de biorresiduos máis próxima, onde recibirá tratamento).
Desta forma, a meirande parte dos concellos aos que dá servizo Sogama (295 en total) disporán dunha planta (de biorresiduos ou de transferencia), a menos de 50 km de distancia.
Esta operativa compleméntase co programa de autocompostaxe que Sogama lidera en Galicia e ao que están adheridas 438 entidades (224 concellos, 185 centros educativos e 29 colectivos sociais), entre as que esta empresa pública distribuíu gratuitamente máis de 19.500 composteiros.
Saúdos, Departamento de Comunicación