- Artigo do presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, con motivo do 20 aniversario da inauguración do Complexo Medioambiental de Cerceda.
O pasado 20 de xaneiro de 2020 conmemorouse o 20 aniversario da inauguración do Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda, alma e epicentro da actividade desta empresa pública.
Co aval de Europa, iniciouse entón un camiño no que houbo que sortear obstáculos, pero que tamén reportou grandes satisfaccións.
Galicia situábase nese momento como unha das comunidades pioneiras na xestión integral dos residuos urbanos, deixando atrás centos de vertedoiros incontrolados e milleiros de puntos de vertido ilegal que danaban seriamente a contorna e representaban un risco para a saúde.
A nosa comunidade decidiu seguir os pasos dos países europeos máis avanzados, apostando por un modelo que priorizaba a estratexia comunitaria dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e que complementaba coa recuperación enerxética da fracción non reciclable. A firme aposta por tecnoloxías limpas e de última xeración permitiu poñer en valor un residuo que, doutra forma, acabaría abandonado nun vertedoiro, co conseguinte impacto ambiental.
Un sistema tan fácil de entender, aplaudido pola Comisión Europea e plenamente asentado en países do norte do noso continente, caracterizados por altos niveis de sostibilidade, foi cuestionado en moitas ocasións por motivos que escapan á evidencia científica e atreveríame a dicir que á propia cordura.
Pero a realidade é tozuda e o tempo, que sempre acaba facendo xustiza, veu a demostrar de xeito incontestable as bondades do modelo Sogama. Proba disto foron os resultados dunha auditoría promovida pola Comisión Europea fai aproximadamente 7 anos, e a través da cal se acreditaron, unha vez máis, os incuestionables beneficios da actividade desta empresa pública para o medio ambiente, para a economía e para a sociedade.
Ao longo de dúas décadas evitouse que máis de 10 millóns de toneladas de lixo acabasen en vertedoiro, propiciando que recibisen o tratamento oportuno, conforme á lexislación vixente.
Non obstante, e a pesar do receo que o éxito deste modelo ocasionaba en distintos grupos, o certo é que o número de concellos adheridos superou con creces todas as previsións iniciais e o Complexo cercedense pronto se quedou pequeno.
Así as cousas, decidiuse proceder á ampliación do mesmo, incrementando a súa capacidade nun 81% ata chegar a 1 millón de toneladas anuais. É dicir, esta infraestrutura pode tratar hoxe, non só os residuos producidos polos 295 concellos adheridos a Sogama, senón os xerados en toda Galicia.
A construción e equipamento dunha nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, permitirá á Sociedade incrementar a súa achega á reciclaxe e acadar este mesmo ano ao vertido técnico cero (10%). É dicir, só se enviará a vertedoiro aquela parte dos refugallos que non se poida reciclar nin valorizar enerxeticamente, dando cumprimento, con 15 anos de antelación, ás directrices do Parlamento Europeo para todos os Estados membros.
O actual goberno autonómico sentou os cimentos para cumprir cos obxectivos europeos en materia de economía circular. E comezamos o ano cun fito incuestionable: Sogama é hoxe a planta das súas características máis eficiente de Europa e punto de referencia para o resto do mundo.
20 anos parecen non ser nada, pero fóronno todo para deixar un mellor futuro aos nosos fillos, contribuíndo a que a nosa comunidade se sitúe nos primeiros postos do ránking da sostibilidade.
Grazas a todos e a todas por facelo posible.
Javier Domínguez Lino
Presidente de SOGAMA