- Esta empresa pública, a petición do ente local, subministrará 30 novos composteiros nesta localidade, que se sumarán aos 170 entregados en fases anteriores.
- A dotación dos composteiros, de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables, realizarase no marco do proxecto europeo Res2ValHum, cuxo obxectivo é poñer en valor a materia orgánica e evitar o seu vertido.
Cerceda, a 11 de outubro de 2019.- O concello de Vedra (A Coruña) quere seguir ampliando o seu programa de compostaxe doméstica, iniciado anos atrás da man de Sogama, e para iso solicitou 30 novos composteiros a esta empresa pública a fin de entregalos noutras tantas vivendas unifamiliares con terreo (horta xardín ou terras de cultivo) no que aplicar o compost resultante, pechando o círculo de aproveitamento da materia orgánica e contribuíndo deste xeito á economía circular.
Sumados aos 170 recipientes subministrados por esta empresa pública en etapas anteriores, fan un total de 200, o que quere dicir que 200 fogares deste municipio coruñés xa practican a autocompostaxe e están a contribuír a poñer en valor a materia orgánica, ademais de diminuír a cantidade de lixo a depositar no contedor verde convencional.
Os composteiros, de 390 litros de capacidade, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e a súa dotación enmárcase no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal Res2ValHum, no que Sogama participa en calidade de socio, do mesmo xeito que a firma CVAN e a Universidade de Santiago de Compostela por parte da nosa comunidade.
O obxectivo deste proxecto é evitar o vertido da materia orgánica e valorizala, buscando outras posibles aplicacións para o compost que vaian máis aló do seu uso como fertilizante de solos.
A fin de axudar aos usuarios na súa tarefa, Sogama habilitou no seu momento un sitio web específico www.compostaconsogama.gal, no que se recolle toda a información sobre esta iniciativa, ademais de diversos recursos didácticos e divulgativos tales como manuais e xogos online.
Saúdos, Departamento de Comunicación