- Adicionalmente, novas resolucións da ONU crearon dous días mundiais: o das legumes (10 de febreiro) e o da inocuidade alimentaria (7 de xuño).
- Co primeiro preténdese render homenaxe a un alimento saudable, nutritivo, rico en proteínas, vitaminas e minerais, e cunha notable contribución á produción agrícola sostible. Co segundo quérese chamar a atención sobre os prexuízos que, sobre a saúde, están aocasionar os alimentos nocivos.
- Pola súa banda, o Ano Internacional da Sanidade Vexetal ten por obxecto evidenciar a necesidade de combater as enfermidades que afectan ás plantas e que supoñen un gasto económico de preto de 220.000 millóns de dólares anuais no mundo.
Cerceda, a 4 de marzo de 2019.- A nutrición a nivel global e a seguridade alimentaria centran as novas efemérides proclamadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Así, o 10 de febreiro celébrase o Día Mundial das Legumes, rendendo homenaxe un alimento saudable, nutritivo, rico en proteínas e fontes de vitamina B, magnesio, potasio, fósforo e zinc, e cuxo cultivo contribúe á produción agrícola sostible; e, cada 7 de xuño, celebrarase o Día Mundial da Inocuidade Alimentaria, poñendo de relevo unha cuestión cada vez máis importante nos sistemas alimentarios altamente interconectados a día de hoxe.
O día anual das legumes baséase no exitoso Ano Internacional das Legumes que organizou a FAO en 2016. De media, aqueles cereais que se plantan logo de cultivar legumes producen 1,5 toneladas máis por hectárea que aqueles cuxo cultivo non vén precedido da plantación deste alimento, o que equivale ao efecto de 100 quilos de fertilizante nitroxenado.
Respecto do Día da Inocuidade Alimentaria, recórdase que os alimentos nocivos causan máis de 200 enfermidades en todo o mundo que afectan á saúde duns 600 millóns de persoas cada ano, especialmente a nenos pequenos e a quen habitan en rexións do mundo con baixos ingresos.
Así mesmo, a FAO e a Secretaría da Convención Internacional de Protección Fitosanitaria (CIPF) acolleron con satisfacción a proclamación de 2020 como Ano Internacional da Sanidade Vexetal. Con ata un 40% dos cultivos alimentarios que cada ano se perden no mundo debido ás pragas, resulta prioritario propiciar plantas saudables, toda vez que as enfermidades das mesmas supoñen un gasto económico de preto de 220.000 millóns de dólares anuais no mundo e, os insectos invasores, ao redor de 70.000 millóns.
Finlandia foi un dos países que propuxo xa en 2015 a celebración deste Ano Internacional ao órgano rector da Convención Internacional de Protección Fitosanitaria. En xullo de 2017, a Conferencia da FAO adoptou unha resolución en apoio á proposta.
Fonte: FAO
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación