- Entre os mesmos, cabería destacar a progresiva recuperación da capa de ozono, o reforzo da loita pola xustiza climática, a celebración do primeiro Día Internacional de Cero Refugallos, o tratado de “altamar” para salvar a biodiversidade mariña, a creación dun instrumento mundial xuridicamente vinculante para acabar coa contaminación plástica e o acordo da COP28 para poñer fin á era dos combustibles fósiles
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2024.- O pasado 2023 foi un ano complicado para o planeta. A Terra viuse azoutada por unha calor sen precedentes, a natureza continuou a súa precipitada deterioración e a contaminación seguiu cobrándose millóns de vidas. Con todo, houbo acontecementos ambientais importantes encamiñados a facer fronte á tripla crise planetaria do cambio climático, a perda de natureza e biodiversidade, e a contaminación e os refugallos. Algúns dos máis destacados polo PNUMA son os seguintes:
- Un estudo da Scientific Assessment of Ozone Depletion - 2022 revela que a capa de ozono está "en vías" de recuperarse. Concluíu que o escudo solar do planeta podería alcanzar os valores de 1980 sobre a Antártida en 2066 e sobre o Ártico en 2045. Os expertos atribuíron o repunte ao Protocolo de Montreal.
- A loita pola xustiza climática cobra forza. Unha resolución pide á Corte Penal Internacional (CPI) que se pronuncie sobre se os países teñen a obrigación legal de facer fronte ao cambio climático e cales poderían ser as consecuencias xurídicas da inacción climática. Segundo os expertos, o ditame da Corte, que está pendente, non sería xuridicamente vinculante, pero tería autoridade moral e certo peso xurídico.
- As nacións únense para protexer as fontes de auga doce. O PNUMA e un gran número de asociados lanzaron o Freshwater Challenge (Desafío da auga doce), cuxo obxectivo é salvagardar e recuperar 300.000 km de ríos e 350 millóns de hectáreas de humidais de todo o mundo para 2030. Uns 43 países sumáronse á iniciativa en 2023.
- O mundo celebra o primeiro Día Internacional de Cero Refugallos. Trátase dun chamamento mundial para que a humanidade xestione mellor os refugallos e constrúa economías máis circulares.
Cada ano xéranse máis de 2.000 millóns de toneladas de residuos urbanos, dos cales o 45% xestiónanse indebidamente. Así mesmo, ata 4.000 millóns de persoas carecen de acceso a instalacións controladas de eliminación de residuos.
- O histórico tratado de "altamar" lanza un salvavidas á biodiversidade mariña. As Nacións Unidas adoptaron formalmente un pacto que amplía por primeira vez a protección do medio ambiente a dous terzos das zonas mariñas situadas fóra das xurisdicións nacionais.
- O instrumento mundial sobre plásticos dá un paso crucial. O Comité Intergobernamental de Negociación sobre a Contaminación por Plásticos publicou un borrador preliminar dun instrumento mundial xuridicamente vinculante para acabar coa contaminación por plásticos.
- Un acordo histórico sobre produtos químicos apunta a unha serie de substancias tóxicas. Inclúe 28 obxectivos que, entre outras cousas, esixen a eliminación progresiva dos praguicidas altamente perigosos e a represión do tráfico de substancias químicas ilegais.
- O acordo da COP28 pretende marcar o fin da era dos combustibles fósiles. O 12 de decembro, a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP28) chegou ao seu fin cunha declaración histórica: intensificar a acción climática antes do final da década (2020-2030) e lograr o obxectivo primordial de manter o límite de temperatura global de 1,5 ºC, e, ao mesmo tempo, aumentar rapidamente a produción de enerxías renovables.
Fonte: PNUMA
Imaxe: Pixabay