- A convocatoria está aberta aos 25 colexios de primaria adscritos a este programa educativo.
- Os centros que desexen participar deben acreditar a realización dunha obra de arte con materiais de refugallo, aportando tres fotografías da mesma e unha ficha cos datos máis relevantes.
- Con isto preténdese evidenciar, dunha forma práctica e visual, que os residuos constitúen recursos con gran potencial e ata cun alto valor artístico.
- O xurado valorará, entre outros parámetros, a porcentaxe de materiais reciclados utilizados na obra, a creatividade e orixinalidade da mesma, o seu potencial artístico e estético, así como a mensaxe a transmitir.
- A promoción contempla tres premios, sendo o primeiro deles o financiamento dunha viaxe ao parque acuático de Cerceda, asumindo Sogama o custo do autobús e as entradas para 50-55 escolares.
Cerceda, a 23 de abril de 2019.- O vindeiro luns, 29 de abril, conclúe o prazo para que os 25 centros escolares que participan na edición 2018-2019 do programa educativo “Recíclate con Sogama” poidan presentar as súas candidaturas.
A proposta, con temática libre, debe circunscribirse á elaboración dunha obra de arte con materiais de refugallo, evidenciando con isto, dunha forma práctica e visual, que os residuos constitúen recursos con gran potencial e ata cun alto valor artístico.
Para isto, os centros deben aportar tres fotos do seu proxecto, xunto cunha ficha na que quede constancia do profesor/a que exerce os labores de coordinación, relación de docentes participantes, título da obra, mensaxe a transmitir e tipos de refugallos utilizados na mesma, especificando cantidades e porcentaxes de cada material.
O xurado que avaliará as propostas estará conformado por representantes de Sogama e da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
A promoción contempla tres premios. O primeiro consiste nunha viaxe ao parque acuático de Cerceda (A Coruña), asumindo Sogama o aluguer do autobús e as entradas para un total de 50-55 alumnos/as. No caso do segundo, Sogama encargarase de financiar un autobús, de 50-55 prazas, para que o centro agraciado poida viaxar a calquera punto de Galicia co fin de gozar dunha xornada formativa e de recreo. Pola súa banda, o terceiro galardón consiste nunha tablet para o colexio.
Os tres centros agraciados recibirán igualmente o correspondente diploma acreditativo.
As candidaturas deben ser remitidas ao seguinte enderezo de correo electrónico: comunicacion@sogama.es
INTRODUCINDO OS TRES ERRES NAS AULAS
Recíclate con Sogama é un programa de educación ambiental, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, co que se pretende introducir o principio dos tres erres nas aulas (Redución, Reutilización e Reciclaxe).
Para isto, a empresa pública dota aos centros participantes (25 de educación primaria durante o curso académico 2018-2019) con diversos medios materiais e didácticos, que reforza con sesións formativas a cargo de monitores especialistas e visitas de seguimento para avaliar o desenvolvemento dos proxectos acometidos por cada centro.
A través dunha memoria final, que os colexios deben presentar a través da aplicación informática do Plan Proxecta, faise unha avaliación final das distintas actividades abordadas durante o curso.
Saúdos, Departamento de Comunicación