- O programa promovido por esta empresa pública orientarase a 25 centros escolares de primaria e educación especial, sendo o seu obxectivo impulsar a recollida selectiva dos distintos residuos xerados nas aulas e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes
- A pretensión desta nova convocatoria do Plan Proxecta+ é facilitar a integración nos centros de programas educativos comprometidos cos ODS da Axenda 2030
Cerceda, a 20 de setembro de 2023.- O próximo 29 de setembro conclúe o prazo para que os centros interesados presenten as súas candidaturas a algún ou a varios dos programas adscritos ao Plan Proxecta+ 2023-2024, entre os que se atopa “Recíclate con Sogama”.
A convocatoria, lanzada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia, establece as bases para a participación dos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o presente curso académico, sendo o obxectivo do Plan Proxecta fomentar a innovación educativa, a educación en valores e os obxectivos para o desenvolvemento sostible promovidos pola Axenda 2030 das Nacións Unidas.
Co Plan Proxecta+, que pivota sobre eixos tales como a organización, o apoio, a avaliación e o recoñecemento, búscase avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede do alumnado e profesorado implicado.
Criterios de selección para “Recíclate con Sogama”
Unha comisión de selección avaliará as solicitudes dos centros, segundo os criterios publicados por cada programa. No caso de “Recíclate con Sogama”, dirixido a 25 centros de Educación Primaria e Educación Especial, darase preferencia aos colexios que non tiveran participado en edicións anteriores, que presenten unha proposta de calidade e axustada aos obxectivos do programa, e, no caso de que o número de centros interesados supere o de ofertados, a selección farase por orde de solicitude. En todo caso, non poderán participar aqueles centros que pertenzan a concellos que non estean adheridos ao sistema Sogama.
Tras unha década en vigor, a pretensión deste programa é promover a recollida selectiva dos distintos residuos xerados nas aulas e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para propiciar a súa reciclaxe e, polo tanto, a súa transformación en novos recursos.
Con tal fin, Sogama proporcionará aos colexios participantes os medios necesarios, tanto materiais como loxísticos e didácticos, para que poidan levar a cabo os seus proxectos con absolutas garantías.
Saúdos, Departamento de Comunicación