- Na mesma recóllense casos de negocios de éxito, alineados cun modelo de desenvolvemento sostible que contribúe á competitividade, a xeración de emprego e de valor para as compañías que o impulsan e a sociedade no seu conxunto.
Cerceda, a 13 de novembro de 2020.- O Grupo Español de Crecemento Verde (GECV) presentou recentemente a publicación “34 Casos de Economía Verde”, na que se recollen casos de negocio de éxito, alineados cun modelo de desenvolvemento sostible que contribúe á competitividade, a xeración de emprego e de valor para as compañías que o impulsan e a sociedade no seu conxunto.
O grupo analizado é heteroxéneo e reflicte a ampla variedade de enfoques e profundidades cos que as empresas españolas apostan de forma decidida pola economía verde. Así mesmo, amosa que este compromiso non depende do tamaño da organización ou do sector de actividade e que, en numerosas ocasións, as alianzas e colaboracións estratéxicas constitúen un factor de éxito.
Os casos recollidos poden dividirse en dous grandes grupos. Por unha banda, iniciativas de carácter interno relacionadas coa evolución da compañía cara a unha economía baixa en carbono, onde a eficiencia enerxética, a economía circular e a descarbonización dos procesos produtivos tradúcense en aforros de custos. E, por outro, a oferta de novos produtos e servizos que responden ás oportunidades emerxentes do crecemento verde e onde as empresas do GECV asumen un rol de liderado e posicionamento a nivel nacional e global.
As 34 iniciativas evidencian que o crecemento sostible, lonxe de ser unha barreira ao desenvolvemento económico, é unha fonte de mellora da competitividade, oportunidades de xeración de emprego e prosperidade, reportando beneficios ambientais e económicos, non só ás empresas que o impulsan, senón á sociedade no seu conxunto.
O documento péchase cunha serie de recomendacións que poden axudar a debuxar o marco de políticas públicas que reforce o gran potencial da economía verde en España como un modelo de crecemento alineado coa creación de emprego sostible, os obxectivos climáticos do Acordo de París e a Axenda de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas.
SOBRE O GECV
O Grupo Español para o Crecemento Verde é unha Asociación creada para fomentar a colaboración público-privada e avanzar conxuntamente nos retos ambientais que actualmente temos. As solucións en materia de mitigación e adaptación ao cambio climático, a descarbonización da economía ou o fomento dunha economía circular virán, sen dúbida, da man do tecido empresarial e son claves nunha sociedade próspera.
A través desta plataforma foméntase a participación das compañías nos debates máis relevantes na materia, a nivel nacional e internacional, compártese información e identifícanse oportunidades para a empresa española.
Fonte e imaxe: Grupo Español de Crecemento Verde