- Así se desprende dun estudo sociolóxico elaborado ao longo de 2020 por Catchment para Ecoembes.
- O 82,3% dos entrevistados declara ter varios cubos, bolsas ou espazos nos seus fogares destinados a separar os residuos para a súa posterior reciclaxe, estando sempre undeles destinado aos envases do contedor amarelo.
- Isto tradúcese en 38,9 millóns de españois que se declaran recicladores, practicamente 2 millóns máis que o ano anterior.
- Os adultos de máis de 55 anos son os que máis comprometidos se amosan coa reciclaxe. Séguenlle moi de preto os de 35 e 54 anos (83,9%)
Cerceda, a 15 de xullo de 2021.- Tal e como se desprende dun estudo sociolóxico elaborado ao longo de 2020 por Catchment para Ecoembes, o 82,3% dos entrevistados declara ter varios cubos, bolsas ou espazos nos seus fogares destinados a separar os residuos para a súa posterior reciclaxe, estando sempre un deles destinado aos envases do contedor amarelo. Isto tradúcese en 38,9 millóns de españois que se declaran recicladores, practicamente 2 millóns máis que o ano anterior.
Entre os principais motivos polos que os entrevistados declaran separar os seus residuos, o 93,3% destaca porque “o considera importante, aínda que outros non o fagan”, mentres que o 75,4% di “facelo con orgullo”.
OS MÁIS RECICLADORES
O informe reflicte que a separación de residuos é un hábito moi estendido en todas as franxas de idade, pero son os adultos de máis de 55 anos os que máis comprometidos se amosan. Séguenlle moi de preto os de 35 a 54 anos (83,9%), e os mozos de 25 a 34 anos e de 16 a 25 anos, cun 76,4% e un 76,3% respectivamente.
Os divorciados seguen declarando ser os máis comprometidos coa separación de residuos domésticos, un 88,2%, seguidos por aqueles que contan con parella estable (85,5%). Por unidade familiar, aquelas formadas por tres membros son as máis comprometidas (84,7% fronte ao 82,3% de media).
Ademais, en cuestión de reciclaxe, destaca a igualdade de xénero, xa que tanto o 82,5% das mulleres como o 82,2% dos homes enquisados di ser reciclador.
AUMENTA O COÑECEMENTO
Os resultados do estudo tamén conclúen que os cidadáns identifican cada vez mellor a que contedor vai cada tipo de material. Así, o 78,6% afirma asociar e tirar sempre no contedor amarelo as botellas, botes ou garrafas de plástico, o 69,8% os briks e, o 66,4%, terrinas ou vasos de yogurt de plástico. Con todo, aínda hai residuos, como os aerosois (37,1%) e as bandexas de cortiza branca (42%) que non se identifican con este contedor.
Fonte e imaxe: Ecoembes