- Así se desprende do Barómetro Social IPSOS realizado con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.
- Ao 94% dos cidadáns preocúpalle a recuperación de zonas rurais para conservar a natureza e ao 93% a contaminación do aire que se respira nas cidades.
- Os mozos consideran que o cambio climático reducirá a auga potable dispoñible, inquietando tamén o elevado tráfico nas urbes.
- O 94% dos enquisados entende que clasificar o lixo é importante para gozar dun medio ambiente saudable, mentres que o 26% confesa que lle resulta incómodo e o 5% manifesta non segregar residuo algún.
- Se se atende ao xénero, compróbase que as mulleres (83%) reciclan máis que os homes (78%) e as idades nas que se mostra unha maior predisposición cara a este hábito é o período comprendido entre os 55 e os 64 anos, e cun nivel de estudos alto.
Cerceda, a 12 de xuño de 2019.- De acordo co Barómetro Social IPSOS, realizado con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que tivo lugar o pasado 5 de xuño, 9 de cada 10 españois considera que a reciclaxe é importante para a contorna, e só o 5% manifesta non segregar residuo algún. Os refugallos que máis separan os españois son os envases plásticos, o vidro e o papel.
En termos xerais, os cidadáns do noso país móstranse cada vez máis sensibilizados coa protección ambiental e a necesidade de adoptar estilos de vida sostibles. Ao 94% preocúpalle a recuperación de zonas rurais para conservar a natureza e ao 93% a contaminación do aire que se respira nas cidades.
De feito, a contaminación do aire foi a temática estrela do Día do Medio Ambiente 2019 e, segundo datos aportados pola ONU, aproximadamente 7 millóns de persoas en todo o mundo morren prematuramente cada ano por mor desta problemática e case 4 millóns destes decesos teñen lugar na rexión de Asia e o Pacífico.
Do estudo IPSOS tamén se deduce que os españois consideran en boa medida que o cambio climático reducirá o auga potable dispoñible (84%); unha preocupación que prevalece entre os mozos de idades comprendidas entre os 18 e os 24 anos (91%). Inquieta tamén o elevado tráfico nas urbes, considerando o 72% que debe ser restrinxido no centro das mesmas.
MULLERES DE ENTRE 55 E 64 ANOS, AS QUE MÁIS RECICLAN
Xa en termos de reciclaxe, o 94% considera que clasificar o lixo é importante para un medio ambiente saudable, mentres que o 26% confesa que lle resulta incómodo. Así mesmo, o 92% cre ter claro os tipos de residuos que van a cada contedor, asegurando o 80% que separa correctamente os envases plásticos, o vidro e o papel. O 60% di segregar pilas e residuos orgánicos, mentres que os refugallos de aparellos eléctricos e electrónicos e os mobles e enseres persoais son clasificados polo 50 e o 48% respectivamente.
As razóns alegadas para non separar o lixo son varias: non dispoñer de espazo nos fogares para os distintos cubos ou que os contedores ubicados nas vías públicas se atopen afastados das vivendas, se ben este último argumento foise desvanecendo debido a que a dotación de medios foi crecendo e 8 de cada 10 españois afirma que ten contedores de reciclaxe preto do seu domicilio.
Se se atende ao xénero, compróbase que as mulleres (83%) reciclan máis que os homes (78%) e as idades nas que se mostra unha maior predisposición cara á reciclaxe e o período comprendido entre os 55 e os 64 anos, e cun nivel de estudos alto.
Outros dos resultados da enquisa é que o 67% dos españois, especialmente de idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos, rexeita as bolsas de plástico nos comercios para evitar xerar máis residuos, percibíndose una certa tendencia a consumir menos envases plásticos dun só uso en xeral.
Fonte: IPSOS
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación