- O galardón distingue o labor de pioneiros ambientais en catro categorías: Liderado Político; Inspiración e Acción; Visión Emprendedora; e Ciencia e Innovación.
- O seu obxectivo é recoñecer a persoas e organizacións que lideran medidas audaces en favor do planeta.
- O prazo para a presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o próximo 20 de marzo.
Cerceda, a 28 de xaneiro de 2020.- O premio Campións da Terra, máximo galardón ambiental de Nacións Unidas, abriu a pasada semana o período anual de nomeamentos a fin de recoñecer a persoas e organizacións que lideran medidas audaces en favor do planeta.
O galardón distingue o labor de pioneiros ambientais en catro categorías: Liderado Político; Inspiración e Acción; Visión Emprendedora e Ciencia e Innovación.
O prazo para a presentación de candidaturas permanecerá aberto ata o próximo 20 de marzo.
Lanzado por primeira vez en 2005, a través do premio Campións da Terra, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (UNEP) busca, tal e como manifestou a súa Directora Executiva, Inger Andersen, “recoñecer as grandes contribucións de quen traballa pola saúde do noso planeta desde distintos sectores”, destacando o labor de individuos, comunidades, empresas e gobernos que fan un esforzo adicional para protexer a Terra.
En cada edición realízase unha primeira clasificación de candidatos a nivel mundial, presentados a través dun proceso de nomeamento público. A lista de nomeados envíase finalmente a un xurado conformado por unha ampla gama de expertos en medio ambiente e que se encarga de seleccionar aos gañadores.
GAÑADORES 2019
Desde o seu lanzamento, UNEP entregou o premio Campións da Terra a 93 galardoados, que inclúen 22 líderes mundiais, 14 grupos ou organizacións e 57 individuos, entre eles defensores do medio ambiente e inventores tecnolóxicos.
En 2019, o premio foi entregado a un grupo de destacados activistas e emprendedores e, por primeira vez, a un país, Costa Rica, quen recibiu o galardón na categoría de Liderado Político polo seu rol histórico na protección ambiental e o seu compromiso na loita contra o cambio climático.
Na categoría de Inspiración e Acción foron recoñecidos o movemento xuvenil Fridays for Future, por impulsar a conversación global sobre o cambio climático nun momento crucial, e Ant Forest, unha iniciativa dixital afiliada á plataforma de pago Alipay que promoveu a reforestación de 112.000 hectáreas en zonas áridas de China.
Na categoría de Ciencia e Innovación, foi galardoada a profesora canadense Katharine Hayhoe, científica climática da Universidade Tecnolóxica de Texas, polos seus incansables esforzos por explicar a crise climática e transformar as actitudes públicas en favor da sostibilidade.
E, na categoría de Visión Emprendedora, distinguiuse á marca de roupa para exteriores Patagonia, de Estados Unidos, que nos seus 35 anos deu forma a un modelo de negocio comprometido coa sostibilidade.
Fonte e imaxe: ONU Medio Ambiente
Saúdos, Departamento de Comunicación