- Promovida pola Xunta de Galicia e dinamizada por Viratec, o obxectivo da BF ClimaTech, é propiciar solucións e tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima e o medio ambiente a través do apoio a proxectos de emprendemento innovador e a súa transformación en empresas de valor
Cerceda, a 5 de agosto de 2024.- O prazo de inscrición para participar na I edición da Business Factory ClimaTech, o primeiro programa de incubación, aceleración e consolidación de proxectos do sector ambiental de Galicia, así como de sectores conexos, arrincou o pasado 1 de agosto e pechará o próximo 30 de setembro.
Promovida pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), o obxectivo da BF ClimaTech é propiciar solucións e tecnoloxías que teñan un impacto positivo no clima e o medio ambiente a través do apoio a proxectos de emprendemento innovador e a súa transformación en empresas de valor que sexan viables e escalables.
Para garantir que o programa responde ás necesidades do mercado do sector ambiental e que, desta forma, os proxectos atopan demanda para os seus produtos e servizos, ClimaTech reuniu a entidades do sector para definir os retos cos que dirixir a primeira convocatoria: sector primario, industria, auga, téxtil, construción, cidades e comunidades, e dixitalización.
Os proxectos finalmente seleccionados optarán a realizar algún dos tres itinerarios de apoio contemplados: incubación, para os máis incipientes; aceleración, para aqueles que xa teñen unha solución viable; e consolidación, para os que se atopan en situación de ampliar negocio e mercado.
A BF ClimaTech achega aos proxectos participantes plans adaptados ás súas necesidades específicas, recursos económicos e técnicos, mentorización por parte de empresas de referencia no sector ambiental e sectores produtivos relacionados, distintas actividades formativas e de incorporación de novas competencias, e contacto con clientes potenciais, entidades de investimento e feiras sectoriais, entre outros.
Na páxina web www.bfclimatech.gal están publicadas as bases e as indicacións para a presentación de candidaturas.
Fonte e imaxe: Viratec