- Con estes galardóns, orientados a xornalistas e especialistas en medio ambiente, Ecovidrio quere agradecer o seu labor divulgativo, así como o seu esforzo diario e implicación na concienciación social cara a un modelo de consumo máis sostible.
- Os traballos (en televisión, radio e prensa) deberán ter sido publicados entre o 31 de agosto de 2020 e o 1 de setembro de 2021.
- O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 18 de outubro, ás 23:59 horas.
- Completan o palmarés dous recoñecementos especiais: “Personalidade Ambiental do Ano” e “Maior impacto cidadán”.
Cerceda, a 7 de setembro de 2021.- Tendo en conta que informar e concienciar á cidadanía é a mellor maneira de consolidar o hábito da reciclaxe e facer que a sociedade sexa máis sostible, un ano máis Ecovidrio quere agradecer este labor divulgativo a través dos seus Premios.
Orientados a xornalistas e especialistas en medio ambiente, constitúen unha cita imprescindible na que esta organización deixa constancia do seu recoñecemento ao esforzo diario dos profesionais da información e a súa implicación na concienciación social cara a un modelo de consumo máis sostible.
Para isto premiará aquelas pezas (reportaxes, artigos, programas de radio…) que contribúan a incrementar o coñecemento e a sensibilización polo medio ambiente, a sostibilidade, a reciclaxe e/ou a economía circular.
A estes premios poden optar persoas e equipos que publiquen ou emitan unha peza relacionada co medio ambiente nun medio de comunicación español (webs, medios impresos e medios audiovisuais) e en distintas categorías: ‘Televisión’, ‘Radio’ e ‘Prensa’.
Así, poderá participar toda persoa física maior de idade ou xurídica, equipo de medio de comunicación, ou programa de calquera nacionalidade, que publique ou emita en medios dixitais, audiovisuais ou impresos españois, e nalgunha das linguas oficiais do territorio nacional (castelán, catalán, eúscaro ou galego), un TRABALLO, individual ou colectivo, que teña por obxecto o medio ambiente, a sostibilidade, a economía circular ou a reciclaxe en xeral.
O prazo para a presentación de candidaturas conclúe o próximo 18 de outubro, ás 23:59 horas, e os traballos (artigos, reportaxes, vídeos, infografías, fotografías,…) deberán ter sido publicados entre o 31 de agosto de 2020 e o 1 de setembro de 2021.
O galardón consiste nun premio de 3.000 euros en cada unha das categorías.
“PERSONALIDADE AMBIENTAL DO ANO” E “MAIOR IMPACTO CIDADÁN”
Completan o palmarés dous recoñecementos especiais: “Personalidade Ambiental do Ano”, premio que se entrega a personaxes públicos que tiveron un gran compromiso persoal e profesional co medio ambiente (é o caso de María Neira, directora do Departamento de Saúde Pública e Medio da OMS; Christiana Figueres, ex Secretaria Executiva da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático e co-fundadora da iniciativa Global Optimism; e Manola Brunet, a primeira muller e española que preside a Comisión de Climatoloxía); e ‘Maior Impacto Cidadán’, galardón que recoñece ás iniciativas que teñan contribuído á mobilización da cidadanía co desenvolvemento sostible, o coidado do medio ambiente ou a economía circular.
Fonte e imaxe: Blogue de Ecovidrio
https://hablandoenvidrio.com/convocatoria-xxii-premios-ecovidrio/