- Finaliza o próximo 30 de abril, e as bases e impresos atópanse ao dispor dos interesados na páxina web da entidade
Cerceda, a 27 de marzo de 2024.- A Federación Española da Recuperación e a Reciclaxe (FER) abriu o prazo de participación na 4ª edición do concurso fotográfico “Reciclando”, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Reciclaxe, a fin de facer máis visible a importancia da recuperación e a reciclaxe dos residuos que xera a poboación.
O concurso divídese en tres categorías: Actividades, plantas de reciclaxe e persoas; Residuos; e Historia fotográfica do recuperador.
Respecto da primeira, os participantes deben captar o espírito e o esforzo na actividade diaria da reciclaxe e valorarase o carácter innovador, creativo e orixinal á hora de expor a mensaxe. Está especialmente enfocada nos traballadores de plantas e actividades de empresas que xeren, xestionen ou reciclen residuos de calquera índole.
A categoría “Residuos” debe captar a idea de que moitos materiais, ao final da súa vida útil, lonxe de ser un problema, son unha oportunidade e un recurso da nosa sociedade.
Por último, na categoría “Historia fotográfica do recuperador”, poderanse presentar fotos antigas, históricas e recentes do sector da reciclaxe de residuos, desde os seus primeiros pasos ata o día de hoxe, no que cobrou gran importancia o desenvolvemento tecnolóxico.
O prazo de inscrición finaliza o próximo 30 de abril. As bases e impresos atópanse ao dispor dos interesados na web da FER: https://www.recuperacion.org/iii-edicion-do-concurso-fotografico-reciclando-2/ . O fallo do xurado darase a coñecer o 17 de maio.
Fonte e imaxe: FER
Saúdos, Departamento de Comunicación