- Entre os mesmos atópase "Recíclate con Sogama", que ten por obxecto promover a recollida selectiva dos distintos residuos xerados nas aulas e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para propiciar a súa reciclaxe.
- A nova convocatoria, orientada aos centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, continúa ofertando programas que favorezan a innovación e fomenten o traballo colaborativo, interdisciplinar, competencial e en rede, pero que, ademais, estean comprometidos coa consecución dos ODS da Axenda 2030.
- O prazo para que os centros poidan presentar as súas solicitudes remata o próximo 16 de setembro.
Cerceda, a 14 de xullo de 2021.- En días pasados, a Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta de Galicia lanzou a convocatoria dunha nova edición do Plan Proxecta+, cuxa pretensión é integrar, nos centros de ensino non universitario, programas educativos comprometidos coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), fomentando desta forma o papel activo do alumnado ante os desafíos, tanto sociais como económicos e ambientais, actuais e futuros.
Tomando como referencia a experiencia acumulada polo Plan Proxecta ata o de agora, a nova convocatoria seguirá ofertando programas que favorezan a innovación e fomenten o traballo colaborativo, interdisciplinar, competencial e en rede, pero que, ademais, estean comprometidos coas consecución dos ODS da Axenda 2030.
Este compromiso representa un chanzo máis na súa contribución á mellora da calidade educativa, de aí o cambio de denominación: de Plan Proxecta a Plan Proxecta +, acorde coa construción dunha sociedade máis sostible e inclusiva desde o ámbito educativo.
O prazo para que os centros poidan presentar as súas candidaturas a esta convocatoria conclúe o próximo 16 de setembro.
Unha comisión de selección avaliará as solicitudes, segundo os criterios establecidos por cada programa, e publicará a resolución provisional, abrindo un prazo de 5 días hábiles para que os centros poidan efectuar reclamacións ou renuncias. Tras a valoración das mesmas, adoptarase a resolución definitiva.
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade certificará, segundo a normativa vixente, a participación do profesorado no Plan Proxecta+ como actividade de innovación educativa cunha equivalencia de horas de formación permanente do profesorado. En todo caso, esta certificación estará supeditada á avaliación positiva do desenvolvemento do programa realizada pola comisión de selección.
SOBRE “RECÍCLATE CON SOGAMA”
Un dos aspectos clave nos que incidirá o Plan Proxecta é a transición ecolóxica, temática na que se enmarca o programa “Recíclate con Sogama”, cuxa finalidade é promover a recollida selectiva dos distintos residuos xerados nas aulas e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para propiciar a súa reciclaxe.
Con isto, non só se consegue inculcar o hábito de separar en orixe os materiais contidos no lixo, senón que o alumnado traslade as boas prácticas na xestión sostible dos refugallos aos fogares e contorna social.
Recíclate con Sogama acollerá o próximo curso académico a participación de 25 centros educativos de primaria.