- Así se coñece a José Alberto Gutiérrez, un colombiano de 55 anos que conduce un camión de recollida de lixo en Bogotá e que, desde fai máis de dúas décadas, rescata libros de entre os residuos (di ter recuperado 50.000 exemplares) para que sexan reutilizados en bibliotecas, escolas e centros de lectura de todo o país.
- Chegou a montar no seu propio domicilio unha biblioteca bautizada co nome “A forza das palabras” e que operou durante 16 anos como centro de aprendizaxe para nenos sen recursos. Pechouna fai dous para doar toda a súa riqueza literaria a zonas necesitadas.
- Grazas a unha empresa colombiana que lle cedeu un local próximo á súa casa, agora está montando no mesmo unha biblioteca museo que contará cun taller de reciclaxe no primeiro piso e cun museo biblioteca no segundo.
- Gutiérrez considera que a lectura é o símbolo da paz e a esperanza.
Cerceda, a 16 de xaneiro de 2019.- O “Señor dos libros”. Así se coñece a José Alberto Gutiérrez, un colombiano de 55 anos que exerce a profesión de condutor dun camión do servizo de recollida de lixo en Bogotá e que, desde fai máis de dúas décadas, rescata libros de entre os residuos para que sexan reutilizados en bibliotecas, escolas e centros de lectura de todo o país.
Tal foi a súa paixón ao respecto, que ata chegou a montar no seu propio domicilio unha biblioteca á que denominou “A forza das palabras” e que operou durante 16 anos como centro de aprendizaxe para centos de nenos do sur da cidade que habitaban en áreas marxinais e que na súa maioría conseguiron chegar á Universidade; un logro do que se sente especialmente orgulloso.
“A forza das palabras” pechou fai dous anos, cando José Alberto decidiu doar a súa riqueza literaria a outras zonas necesitadas
O primeiro libro que di ter rescatado entre o lixo levaba por título “Ana Karenina”, de Leon Tolstoi, fai 21 anos. Desde entón, asegura ter recuperado máis de 50.000 exemplares de todas as materias e disciplinas, logrando para eles unha nova vida e, por suposto, beneficiando a moitas persoas sen recursos.
“HEROE DA CIDADE”
Foi recoñecido como “Heroe da cidade” por unha campaña publicitaria, premiando así unha vida dedicada a sacar o máximo proveito dos libros e evitar o seu desperdicio. Colabora na creación e difusión do patrimonio cultural, fomenta a escritura e o amor á lectura, e traballa coa ilusión de crear unha rede de bibliotecas populares para que algún día cada barrio dispoña do seu propio espazo comunitario para a formación, o apoio ás tarefas escolares, o lecer e o entretemento.
Gutiérrez considera que a lectura é o símbolo da paz e a esperanza no seu país. “Se a min un libro me cambiou a vida, imaxínese o impacto dun texto nun deses lugares que foi vítima do conflito armado e do esquecemento do Estado”.
No seu momento, unha empresa de Colombia cedeulle un local próximo ao seu domicilio onde está montando unha biblioteca museo. Contará cun taller de reciclaxe no primeiro piso e cun museo biblioteca no segundo.
Fonte e imaxe: www.universoabierto.org
Saúdos, Departamento de Comunicación