- Esta estratexia (PCS) consiste en complementar o tipo correcto de abono con nutrientes que se axusten ás necesidades dos solos e os cultivos
- Así se recolle nun estudo da Universidade de Queensland, en Australia, que defende este método para mellorar o rendemento das colleitas
- A investigación estima que o PCS permitiría facer fronte á escaseza de alimentos e á suba de prezos, ademais de contribuír a mitigar o cambio climático
Cerceda, a 14 de novembro de 2022.- Segundo un estudo codirixido pola Universidade de Queensland (UQ), en Australia, a adopción dunha estratexia de compostaxe de precisión (PCS) na agricultura a gran escala podería mellorar o rendemento das colleitas e a saúde do solo, ademais de evitar que os residuos orgánicos vaian parar aos vertedoiros, onde xeran gases de efecto invernadoiro prexudiciais.
«En lugar de depender unicamente dos fertilizantes minerais, a estratexia de compostaxe de precisión consiste en complementar o tipo correcto de abono con nutrientes que se axusten ás necesidades dos solos e os cultivos», explicou a profesora Susanne Schmidt, da Facultade de Agricultura e Ciencias da Alimentación.
«Os solos compactados e acedos airéanse e neutralízanse. O resultado é que poden reter máis auga, facilitar o crecemento das raíces e alimentar aos organismos que manteñen sans os solos e os cultivos».
Schmidt asegura que o solo desempeña un papel crucial para garantir a seguridade alimentaria mundial, pero, na actualidade, “o 30% dos solos agrícolas do mundo están clasificados como degradados, e prevese que esta cifra podería aumentar ata o 90% en 2050″.
Esta investigación estima que o PCS podería aumentar a produción mundial anual dos principais cultivos de cereais en 96 millóns de toneladas, ou o 4% da produción actual. Isto ten efectos positivos para os consumidores, xa que permite facer fronte á escaseza de alimentos e á suba de prezos.
O estudo conclúe que a aplicación da estratexia de compostaxe de precisión á agricultura a gran escala tamén podería contribuír a mitigar o cambio climático.
«Só en Australia, máis de 7 millóns de toneladas de biorresiduos acaban cada ano nos vertedoiro, onde xeran enormes cantidades de gases de efecto invernadoiro evitables e outros efectos indesexables», afirma Schmidt. «Se os reutilizamos, podemos restaurar o carbono crucial da capa superior das terras de cultivo».
No estudo, publicado en Nature Food, analizáronse máis de 2.000 exemplos de uso de compost no sector agrícola de todo o mundo.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay