- Localizarase no polígono industrial de Baión, onde Sogama adquiriu sete parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados e polas que realizou un desembolso de 1,5 millóns de euros
- Dará servizo a 26 concellos (326.846 habitantes), contará con capacidade para tratar ata 15.000 t/ano de materia orgánica e outras 7.000 t de podas e restos de madeira, e producirá ao redor de 6.000 t/ano de compost
- Esta instalación pasará a formar parte da rede de infraestruturas (17 en total: 4 plantas de biorresiduos e 13 de transferencia) articulada pola Xunta para que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
Santiago, a 5 de xaneiro de 2022.- Sogama adxudicou á UTE Cespa Compañía Española de Servicios Públicos Auxiliares, S.A – Arias Infraestruturas, S.A – Petrolam Infraestruturas, S.L – Prace, Servizos e Obras, S.A, por un importe de 15.109.215 euros (IVE incluído), a obra de execución e posta en marcha dunha planta de biorresiduos no municipio de Vilanova de Arousa (Pontevedra).
Esta instalación integrarase na rede de infraestruturas deseñada pola Xunta para que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama poidan acceder á valorización da materia orgánica mediante a súa conversión en compost.
Para isto, e conforme á normativa vixente, quedan obrigados a implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da materia orgánica a través do contedor marrón. Se ben se trata dunha competencia municipal, a Xunta porá ao dispor dos entes locais os medios necesarios para que dean debido cumprimento á lexislación vixente no ámbito dos residuos.
A planta de biorresiduos de Vilanova, xunto coa de Cervo (Lugo), Verín (Ourense) e Cerceda (A Coruña) –esta última xa en funcionamento-, contarán co apoio de 13 plantas de transferencia ás que se dotará dunha tolva específica para o transvasamento da materia orgánica. Serán 17 instalacións en total coas que se dará cobertura a practicamente todo o territorio galego, propiciando que os municipios conten cunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.
CARACTERÍSTICAS
A instalación vilanovesa localizarse no polígono industrial de Baión, onde Sogama adquiriu sete parcelas que suman unha superficie de 20.000 metros cadrados e polas que realizou un desembolso de 1,5 millóns de euros.
Dará servizo a 26 concellos (326.846 habitantes), contará con capacidade para tratar ata 15.000 toneladas anuais de materia orgánica e outras 7.000 toneladas de podas e restos de madeira, e producirá ao redor de 6.000 toneladas/ano de compost, que se destinará ao sector da agricultura como abono natural e sostible, en substitución dos fertilizantes artificiais
A planta integrará a totalidade do proceso da compostaxe dos residuos recibidos, que levará a cabo en naves pechadas, comprendendo todas as fases (pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento), así coma os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. A operativa industrial alimentarase con enerxía renovable (a través de paneis solares, fundamentalmente).
PRAZOS
A previsión é que as instalacións integradas nesta rede, á que se destina un investimento de 38.600.000 euros, entren en funcionamento a finais de 2022, propiciando que, xunto con outras plantas públicas e privadas de compostaxe, a recollida selectiva dos residuos orgánicos sexa unha realidade en Galicia e se avance de forma decidida cara ao cumprimento dos obxectivos europeos de reciclaxe para o ano 2025.
Esta actuación conta cun cofinanciamento dos Fondos FEDER como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da Covid-19, tendo en conta que repercute na protección do medio ambiente e, en consecuencia, nunha maior calidade de vida.
Fonte: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda
Saúdos, Departamento de Comunicación