- Deste importe, 25,8 M€ corresponden á propia xestión e 4,7 M€ a distintas obras e melloras
- O contrato, cunha duración inicial de 3 anos (prorrogable por 2 máis), inclúe, ademais da xestión de residuos que entran en vertedoiro, a propia das depuradoras de ósmose inversa, planta de biogás, planta de compostaxe e mantemento postclausura das fases xa seladas
- No ano 2023, a vertedura no sistema de Sogama, tanto directa como indirecta, representou un 22%, porcentaxe moi afastada da media de España, que supera o 50%, así coma dos outros sistemas de xestión de residuos existentes en Galicia
Cerceda, a 18 de decembro de 2024.- Sogama adxudica, por un importe de 30.620.455 €, a xestión integral do seu vertedoiro de residuos non perigosos no lugar de Areosa (Cerceda-A Coruña). Deste importe, 25.895.004 € corresponden á propia xestión e 4.725.451 € a distintas obras e melloras.
No seu momento, a compañía apostou por integrar nun único contrato, con carácter mixto (servizo e obras), todas as accións vinculadas ao vertedoiro co fin de lograr unha xestión máis áxil e eficiente do mesmo, e garantir o estrito cumprimento dos requisitos ambientais contemplados na normativa vixente.
Desta forma, e cunha duración inicial de 3 anos (prorrogable por 2 máis), o contrato inclúe a xestión dos residuos que entran no vertedoiro, depuradoras de ósmose inversa, planta de biogás, planta de compostaxe, xunto coa comercialización do compost producido na mesma, e o mantemento postclausura das fases xa seladas e clausuradas.
Entre as obras a acometer pola adxudicataria, figuran, entre outras, a selaxe da subfase 1.2 da ampliación sur do vertedoiro, así como a construción do Vaso 6; trazado dunha liña de media tensión e novo centro de transformación; instalación dunha liña de baixa tensión e iluminación da zona de depuración; implantación de liñas subterráneas de media tensión, centro de seccionamiento e distribución e medida; e adaptación da planta de compostaxe aos requisitos SANDACH categoría 3.
Apoio ao Complexo Medioambiental
Como calquera outra infraestrutura das súas características, Sogama dispón dun vertedoiro de apoio ao que levar os rexeitamentos resultantes do tratamento dos residuos, que ten lugar no Complexo Medioambiental, e que, a teor das súas características, non poden ser reciclados nin valorizados enerxeticamente.
En 2023, a vertedura en Sogama representou un 22% (1,95% de carácter directo e 20,02% indirecto, aglutinando neste último caso os rexeitamentos depositados no vertedoiro de Areosa e resultantes dun tratamento previo previo en planta); unha porcentaxe moi afastada da media de España, que supera o 50%, e mesmo da dos outros dous sistemas de xestión de residuos galegos, Nostián e Barbanza, cun 50 e un 64% de vertedura respectivamente.
Saúdos, Departamento de Comunicación