- A día de hoxe, a empresa xa repartiu, de forma gratuíta, máis de 21.600 recipientes entre 462 entidades (227 concellos, 203 centros escolares e 32 colectivos sociais)
- Con esta nova partida, preténdese que cada vez sexan máis as persoas e familias que se interesen pola compostaxe doméstica como unha forma eficiente de reducir a produción de residuos en orixe, e de valorizar a materia orgánica en situ mediante a súa conversión en compost
Cerceda, a 19 de marzo de 2024.- Sogama adxudicou, por un importe de 212.355 euros, a subministración, almacenamento e distribución, entre concellos, centros educativos e colectivos sociais, de 3.000 novos composteiros. O obxectivo deste contrato é estender as bondades da autoxestión da materia orgánica a aqueles ámbitos nos que resulte viable, dados os seus notables beneficios ambientais, económicos e sociais.
A día de hoxe, a empresa pública xa repartiu, de forma gratuíta, máis de 21.600 composteiros (con capacidade para 400 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables) entre 462 entidades de toda Galicia (227 concellos, 203 centros escolares e 32 colectivos sociais). Con esta nova partida, preténdese que cada vez sexan máis as persoas e familias que se interesen pola compostaxe doméstica e que a poñan en práctica como unha forma eficiente de previr e de reducir a produción de residuos en orixe, e de valorizar a materia orgánica en situ mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade con extraordinarias propiedades fertilizantes para o solo e mesmo protectoras fronte a pragas e enfermidades.
A entrega dos composteiros ás familias realizarase a través dos concellos. Condición indispensable é que os veciños solicitantes habiten nunha vivenda unifamiliar que dispoña de terreo no que aplicar o compost resultante, pechando desta forma o ciclo de recuperación da fracción orgánica, que vén representar ao redor do 37-40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo.
Material didáctico e formación
Xunto cos composteiros, Sogama tamén proporciona aos entes locais manuais didácticos de apoio, nos que se explica de forma detallada a operativa a seguir polos usuarios, dando resposta ás preguntas máis frecuentes e aos erros máis comúns.
Así mesmo, técnicos da compañía imparten cursos de formación presenciais para complementar e reforzar os coñecementos dos participantes neste ámbito e para resolver todas as dúbidas que o proceso lles poida xerar.
Más información en https://www.sogama.gal/compostaxe/gl/
Saúdos, Departamento de Comunicación