- Son 25 instalacións en total, pois ás 20 que xa se atopaban baixo a titularidade da empresa pública, súmanse outras 5 de nova construción (A Lama, Arbo, Curtis, Ponteceso e Riotorto)
- O contrato -que rexerá para un período inicial de 3 anos -estensible a 5 e cunha prórroga excepcional de 9 meses-, contempla tamén distintas melloras na operativa destas plantas a fin de que gañen en eficiencia e se garanta en todas elas a prestación dun mellor servizo público
Cerceda. a 27 de decembro de 2023.- Sogama adxudica a Setec Building, S.L.U, por máis de 40 millóns de euros e un período inicial de 3 anos-estensible a 5 e cunha prórroga excepcional de 9 meses-, a xestión integral da rede de 25 plantas de transferencia que están baixo a súa titularidad e que se atopan distribuídas estratexicamente polo conxunto da xeografía galega.
Ás 20 que xa se atopaban baixo a súa xestión (Cee, Boiro, Narón, Santa Comba, Santiago de Compostela e Ortigueira, na provincia da Coruña; Lugo, Viveiro, Barreiros, Monforte de Lemos, Chantada, Sarria e Becerreá, na provincia de Lugo; Vigo, O Porriño, Ribadumia, O Rosal e Silleda, na de Pontevedra; e Ourense e A Rúa, na provincia de Ourense), súmanse outras 5 de nova construción: A Lama e Arbo, na provincia de Pontevedra; Curtis e Ponteceso, na de Pontevedra; e Riotorto, na provincia de Lugo
Destas 25 plantas, un total de 13 tamén formarán parte da rede específica de infraestruturas para a valorización da materia orgánica, polo que, ademais de transvasar a bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks recollidos a través do contedor amarelo) e negra (fracción resto procedente do contedor xenérico), acollerán a bolsa marrón (materia orgánica), contando cunha tolva específica para a mesma.
A función das plantas de transferencia é servir de nódulo de trasvase das fraccións de residuos que competen a Sogama (bolsa amarela, bolsa negra e bolsa marrón) desde os camións de recollida municipal a contedores de maior capacidade, aptos para ser transportados, por tren ou estrada, e nas mellores condicións hixiénicas e de seguridade, ata as instalacións de tratamento da empresa pública.
Investimentos en melloras
Adicionalmente á xestión integral do conxunto de plantas de transferencia, que inclúe os labores de operación, limpeza e mantemento, o adxudicatario queda obrigado a acometer unha serie de melloras que variarán en función das necesidades identificadas en cada instalación.
Por exemplo, na planta do Porriño deberán restaurarse todos os elementos que conforman as estruturas metálicas e, na de Lugo, acondicionarase a chaira de manobras da instalación e optimizarase o funcionamento dos sistemas de recollida e xestión de augas pluviais. Tamén contará con nova EDAR, ao igual que a planta de Narón.
Na de Silleda, adecuarase a zona de acceso á plataforma de descarga, e a planta antiga de Cee deberá ser desmantelada cando o servizo pase a desenvolverse na nova.
Nas plantas de Santiago, Chantada, Monforte, Ortigueira, O Rosal e A Rúa, habilitarase unha nova liña de lodos, mentres que noutras actualizaranse os sistemas de pesaxe e renovarase o software e hardware.
Pola súa banda, na de Guixar, en Vigo, deberanse adecuar as estruturas metálicas, tanto da nave na que se realiza a transferencia de residuos como da nave na que se sitúa a depuradora, e instaurarase na EDAR un novo sistema de pretratamento de augas residuais. Tamén se construirá un vestiario para o persoal adscrito a esta instalación.
Saúdos, Departamento de comunicación