- Dous informes da Axencia Europea de Medio Ambiente analizan a evolución dos volumes de consumo na UE e estudan as oportunidades para facer que este sexa máis circular e sostible
Cerceda, a 7 de xullo de 2023.- O consumo insostible en Europa e fóra dela é un dos principais motores do cambio climático, a perda de biodiversidade e a contaminación.
Segundo dous novos informes da Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), o aumento da eficiencia na produción reduciu algúns impactos ambientais, pero por si só é improbable que leve o consumo europeo a un nivel sostible. Será necesaria unha transformación máis profunda das pautas de consumo.
Os informes da AEMA analizan a evolución dos volumes de consumo en Europa e estudan as oportunidades para facer que este sexa máis circular e sostible.
O primeiro deles «Presións ambientais e climáticas derivadas do consumo doméstico en Europa», mostra que a maioría das presións ambientais derivadas do consumo doméstico en Europa non cambiaron significativamente de 2000 a 2019: as emisións de gases de efecto invernadoiro e as emisións contaminantes á atmosfera diminuíron, pero o uso da terra, os materiais e a auga aumentou ou mantívose relativamente estable. No mesmo período, o consumo dos fogares na UE aumentou un 26%, e aproximadamente tres cuartas partes do gasto destináronse a alimentación, vivenda e servizos.
O estudo destaca que as actuais tendencias de consumo en Europa non son sostibles, xa que o aumento da eficiencia na cadea de valor da produción non parece ser suficiente para compensar a longo prazo os crecentes niveis de consumo. Ademais, moitos ecosistemas xa están sometidos a unha presión que supera a súa capacidade de rexeneración.
O segundo informe «Condicións e vías para un consumo sostible e circular en Europa», resalta que avanzar cara a unha economía máis circular en Europa, con máis reutilización, menos residuos e máis consideración pola biodiversidade, pode reducir considerablemente os impactos negativos do noso consumo. Para iso necesítanse políticas firmes, novos modelos empresariais e cambios nas pautas de consumo.
Máis concretamente, sinala que a redución das presións e os impactos pode lograrse cambiando o consumo cara a produtos e servizos que utilicen menos materiais ou recursos renovables e reciclados; consumindo menos mediante, por exemplo, unha maior vida útil dos produtos ou modelos de uso compartido que poidan reducir a demanda de novos produtos, e ampliando o deseño de produtos circulares que permitan un uso máis prolongado e unha reparación, reutilización e reciclaxe máis sinxelos.
Os dous estudos da AEMA baséanse nun máis detallado elaborado polo Centro Temático Europeo sobre Economía Circular e Uso dos Recursos (#ETC/CE) da AEMA.
Fonte: AEMA
Imaxe: Pexels