- Agárdase que o cambio de enfoque se consolide conforme se vaian adoptando medidas máis amplas nesta esfera, especialmente co recentemente aprobado Plan de Acción sobre a Economía Circular da UE, configurado como unha das partes fundamentais do Acordo Verde Europeo.
Cerceda, a 6 de abril de 2020.- O informe da Axencia Europea de Medio Ambiente, AEMA, «Resource efficiency and the circular economy in Europe 2019 – even more from less» (Eficiencia de recursos e economía circular en Europa 2019 – aínda máis con menos) avalía os resultados dun estudo da AEMA de 2019 no que se examinaron as políticas e os enfoques dos países europeos para mellorar a eficiencia dos recursos, contando para isto coa participación de 32 Estados da Rede Europea de Información e Observación do Medio Ambiente (Eionet).
No documento sinálase que, desde 2016, produciuse un cambio notable no enfoque das políticas, pasando da mellora da eficiencia dos recursos a unha perspectiva máis ampla de economía circular. Moitos aspectos de ambos se superpoñen nas políticas, como é o caso da xestión e a prevención dos residuos, as estratexias ambientais e de desenvolvemento sostible, aspolíticas de innovación e os programas económicos. Agárdase que o cambio de enfoque se consolide conforme se vaian adoptando medidas máis amplas nesta esfera, especialmente co recentemente aprobado Plan de Acción sobre a Economía Circular da UE, configurado como unha das partes fundamentais do Acordo Verde Europeo.
INDICADORES, OBXECTIVOS E VIXILANCIA
A enquisa do informe revelou que nos últimos anos non se concretaron obxectivos en toda Europa, resultando necesario para mellorar a eficiencia dos recursos e impulsar a economía circular. O estudo tamén constatou que indicadores universalmente aceptados, que abordarían de xeito coherente os diferentes aspectos da economía circular, axudarían a mellorar a adopción de obxectivos neste ámbito e facilitarían un sistema de vixilancia máis completo.
No documento sinálase igualmente que o uso eficiente dos recursos e a subministración de materias primas, malia ter enfoques diferentes, están estreitamente relacionados e apóianse mutuamente. A eficiencia no uso de recursos e a subministración de materias primas aborda os vínculos entre a natureza e o sistema socioeconómico de Europa, mentres que a economía circular ocúpase do sistema socioeconómico propiamente dito.