
- Os interesados poden enviar a súa historia a través dun formulario en liña en calquera dos idiomas oficiais dos países membros do EEE ou publicala nas redes sociais utilizando #OurEnvironmentOurFutureEU antes do 30 de setembro de 2025
Cerceda, a 14 de abril de 2025.- A Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) lanzou a campaña de divulgación “O noso medio ambiente: o noso futuro” a través da cal convida aos habitantes da UE a contar, de forma personalizada, as súas historias ambientais. Con esta iniciativa, preténdese recoñecer os seus esforzos e inspirar a outros a facer o mesmo para mellorar a contorna.
Estas accións poden ser tan modestas como arranxar unha camisa para que dure máis, ou de maior envergadura, como organizar un día de limpeza local nunha comunidade. Poden ser tan ordinarias como preparar unha nova receita para reducir o desperdicio de alimentos no seo familiar ou tan extraordinarias como montar un xardín comunitario, crear un horto de flores silvestres no patio traseiro da vivenda para os polinizadores ou plantar árbores.
A AEMA busca accións inspiradoras relatadas desde a experiencia individual e que se poidan sintetizar nunhas poucas oracións, entre 500 e 1000 caracteres. O ideal é que cada relato describa brevemente o problema que se pretende abordar e como influíron sobre o mesmo as accións desenvolvidas. Así mesmo, debe contemplar referencias xerais a un lugar determinado e outra información relevante.
Os interesados poden enviar a súa historia a través dun formulario en liña en calquera dos idiomas oficiais dos países membros do EEE ou publicala nas redes sociais utilizando #OurEnvironmentOurFutureEU antes do 30 de setembro de 2025.
Así mesmo, seleccionaranse historias presentadas en liña que a AEMA utilizará nas súas actividades de comunicación a fin de mostrar as numerosas accións positivas que os europeos están a adoptar para mellorar o noso medio ambiente, e que están relacionadas co traballo da Axencia.
Fonte: AEMA
Imaxe: Freepik