- O acordo busca establecer sinerxías para enfrontar algúns dos grandes retos do sector, desenvolver programas de formación, impulsar o labor divulgativo e detectar oportunidades de financiamento
Cerceda, a 3 de febreiro de 2025.-A Asociación Española de Empresas de Valorización Enerxética de Residuos Urbanos (AEVERSU), na que se integra Sogama, e a Asociación Portuguesa de Valorización Enerxética de Residuos Municipais (AVALER) asinaron un Protocolo de Colaboración para xuntar forzas no seu obxectivo de impulsar a valorización enerxética e unha xestión máis eficiente dos residuos.
O acordo formalizado por ambas as dúas asociacións ten por obxecto fomentar a cooperación e impulsar o desenvolvemento de estratexias conxuntas que axuden a potenciar a industria da valorización enerxética e poñan en valor o seu rol dentro dos plans nacionais de xestión de residuos, conforme ás directrices europeas.
Nese sentido, AEVERSU e AVALER organizarán seminarios, conferencias e grupos de traballo ao redor de temas relevantes para o sector dos residuos, adoptando posicións conxuntas sobre o papel a desempeñar pola valorización enerxética para minimizar o uso do vertedoiro, a peor opción debido ao seu negativo impacto sobre o medio ambiente e a saúde pública.
Doutra banda, tamén xuntarán esforzos para detectar oportunidades e captar financiamento destinado a mellorar a xestión sostible dos residuos. Así mesmo, o desenvolvemento de programas formativos e o intercambio de información é outro dos piares estratéxicos, xunto co impulso do labor divulgativo.
Tanto AEVERSU como AVALER traballarán para sensibilizar á opinión pública sobre a importancia dunha correcta xestión dos residuos e as bondades da valorización enerxética como complemento da reciclaxe e, polo tanto, como ferramenta clave na transición cara á economía circular real.
Este Protocolo de Colaboración pretende ser, en definitiva, un instrumento para o impulso do aproveitamento enerxético contido nos residuos non reciclables, tanto en España e Portugal como a nivel europeo.
Nun contexto no que os obxectivos europeos establecen a necesidade de reducir o depósito de residuos en vertedoiro ata o 10% para 2035, a valorización enerxética revélase como unha peza crave, tal e como están a demostrar países como Suecia ou Finlandia, con taxas de valorización por riba do 50%.
Actualmente, en España, a valorización enerxética rexistra unha taxa do 12,7%; mentres que en Portugal sitúase en torno ao 12%. Estas cifras, por baixo das dos países líderes en xestión de residuos e da media europea (26%), evidencian a notable marxe de mellora que este tratamento finalista nos dous países veciños e a importancia de impulsar o seu desenvolvemento.
Fonte e imaxe: Aeversu