- Os sacos para fariña, fabas e mantas contan cunha estrutura multicapa na que se incorporan aditivos para retrasar a súa degradación fronte a factores ambientais como a radiación UV
- Adicionalmente, os sacos para mantas incorporan material reciclado
Cerceda, a 20 de marzo de 2024.- AIMPLAS, Instituto Tecnolóxico do Plástico, desenvolveu para o Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) da orde de 2.000 sacos, máis sostibles e duradeiros, orientados a albergar alimentos e produtos de primeira necesidade.
Esta acción forma parte dun proxecto, financiado por Innovation Norway e liderado polo CICR xunto co Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) e o Programa Mundial de Alimentos da ONU (PMA), que ten por obxecto investigar alternativas e solucións innovadoras para os sacos tecidos de polipropileno utilizados no envasado de alimentos e artigos de socorro. O proxecto está xestionado por dss+, unha consultoría de sostibilidade, e réxese por un Comité Directivo formado polas tres organizacións humanitarias, Innovation Norway e a Cruz Vermella Noruega.
AIMPLAS achegou ao proxecto o deseño dunha estrutura multicapa baseada en polipropileno, na cal se incorporaron formulacións previamente avaliadas que pretenden mellorar o desempeño dos sacos. Estes desenvolvementos implementáronse en máis de 1.500 sacos para o transporte de fariña de trigo e fabas, e que permiten retrasar a degradación da bolsa por exposición a factores ambientais, nalgúns casos extremos. Así mesmo, formulou un segundo recubrimento que incorpora, ademais, material reciclado que se aplicou a 500 sacos que conterán mantas.
Estes sacos de axuda humanitaria integraranse en tres cadeas de subministración seleccionadas polas organizacións implicadas para realizar unha proba de campo en contornas diversas, cambiantes e no contexto desafiante do traballo humanitario.
Tamén participaron neste proxecto AUST, unha universidade téxtil de Bangladesh que propuxo desenvolver unha bolsa de yute cun revestimento de biopolímero; e Giotto & SUPSI, un consorcio formado por unha consultora suíza e unha universidade, que está a traballar no desenvolvemento dun material a base de fibra natural que foi tratado cun enfoque capa por capa.
O consorcio do proxecto realizará igualmente unha avaliación do ciclo de vida das bolsas de polipropileno e as súas alternativas nas probas de campo, co fin de captar a realidade sobre o terreo e comparar as novas solucións coas bolsas orixinais no contexto máis realista posible.
Fonte e imaxe: Aimplas