- As informacións vinculadas ao medio ambiente e ao cambio climático cobraron especial protagonismo.
- Aludiuse así ao importante papel que xogan as cidades para o futuro da humanidade, ao aumento de mortes prematuras que provocará a degradación do medio ambiente, ao risco que supón o cambio climático para a disposición de auga e alimentos e, aos pobres resultados da COP25, entre otras moitas.
Cerceda, a 3 de xaneiro de 2020.- A Organización das Nacións Unidas repasa na súa páxina web as novas máis destacadas de 2019 (24 en total, 2 por mes) sobre distintas cuestións, destacando, entre outras, as vinculadas ao medio ambiente e ao cambio climático. Estas son algunhas:
*O futuro da humanidade xógase nas cidades (26 de febreiro)
Acordos tan importantes como o de París e a Axenda 2030 sobre desenvolvemento sostible dependen, en gran parte, das accións locais das cidades, os maiores focos de contaminación e xeración de residuos a nivel mundial. Alcaldes de todo o mundo estanse unindo para compartir iniciativas e pedir máis apoio para que os devanditos acordos se convertan nunha realidade.
*A degradación do medio ambiente provocará millóns de mortes prematuras (13 de marzo)
A saúde humana estará cada vez máis ameazada se o mundo non toma medidas urxentes para frear e reparar os graves danos causados á contorna. A contaminación da auga, do aire e os residuos químicos ameazan a integridade dos seres humanos.
*O cambio climático, un problema moi persoal (22 de abril)
As consecuencias do quecemento da terra, os desastres naturais e a ameaza dunha inminente destrución dos medios de sustento no planeta, son literalmente unha loita polas nosas vidas. Esta é a mensaxe dun grupo de mulleres activistas no Día Internacional da Nai Terra.
*As cinco cousas que fixemos para poñer a un millón de especies en perigo de extinción (6 de maio)
Máis dun terzo de todos os mamíferos mariños, o 40% das especies de anfibios e o 33% dos corais están a padecer o impacto da actividade humana sobre a natureza e a continua demanda de comida e combustible dunha poboación en continuo crecemento. Sen unha acción radical, os esforzos actuais por conservar os recursos da terra fracasarán.
*O cambio climático porá en risco a auga e a comida do planeta (8 de agosto)
Alimentos máis caros, menos nutritivos e disrupcións na cadea de distribución afectarán a todo o planeta, e de forma dramática aos países máis pobres, se non se detén a degradación da terra e se mantén o quecemento global por baixo dos 2°C.
*Isto é o que din os científicos: o cambio climático chega antes e máis forte do previsto (22 de setembro)
A Organización Meteorolóxica Mundial, xunto ás principais organizacións de ciencia climática do mundo, deron a coñecer un informe que demostra a evidente e crecente brecha entre os obxectivos acordados para abordar o quecemento global e a realidade actual.
*Os oito obstáculos ao desenvolvemento sostible de América Latina (3 de outubro)
A Comisión Económica para América Latina e o Caribe identificou oito freos que impiden o desenvolvemento social da rexión e que van desde a enquistada pobreza á desigualdade crónica, pasando pola falta de investimento no tecido social e os impactos do cambio climático. Para superalos, propón crear políticas centradas nos dereitos e a igualdade, seguindo as directrices da Axenda 2030.
*Remata a COP25 con poucos avances en canto á redución de emisións de carbono (15 de decembro)
As negociacións estendéronse dous días adicionais para acabar pedindo aos países que eleven as súas metas de diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro e as presenten na reunión do próximo ano. O Secretario Xeral expresou a súa decepción, pero reafirmou a súa determinación a seguir traballando para que todos os países se comprometan coa acción climática.
Fonte e imaxe: ONU
Saúdos, Departamento de Comunicación