- Na mesma intégrase Sogama trala sinatura do compromiso de adhesión por parte do presidente executivo desta compañía pública, Javier Domínguez
- A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, recolleu o galardón en Madrid
Cerceda, a 20 de outubro de 2022.- A Alianza galega polo clima, impulsada pola Xunta de Galicia o pasado mes de xuño, e na que se integra Sogama trala sinatura do compromiso de adhesión á mesma por parte do presidente desta compañía pública, Javier Domínguez, vén de recibir o recoñecemento como unha das mellores Sustainability Action 2022 de impacto ambiental e social no marco do Sustainability Day 22, unha xornada dedicada a compartir experiencias no eido da sostibilidade.
Durante o acto de entrega de galardóns, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, agradeceu que se recoñeza o esforzo que leva a cabo o Goberno galego para que o sector público e privado traballen xuntos cos mesmos obxectivos e a mesma filosofía: deixar unha Galicia mellor ás vindeiras xeracións. Neste sentido, subliñou que os promotores deste premio fixeron unha exhaustiva escolla entre proxectos e iniciativas moi diversas no eido da sustentabilidade.
A Alianza galega polo clima —que na actualidade conta xa cunhas 30 entidades inscritas como universidades, autoridades portuarias, empresas e entidades deportivas— supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes.
Entre eles, cómpre salientar o establecemento de accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; o fomento do intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; a promoción e apoio á investigación vinculada ao clima, e o impulso do desenvolvemento e da difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.
Fonte e imaxe: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda