- Calcúlase que, a día de hoxe, existen ao redor de 700 millóns de móbiles en Europa que se gardan sen usar e que non se chegan a refugar ou reutilizar, ocasionando un negativo impacto ambiental.
- A reutilización destes millóns de móbiles evitaría a emisión de 21 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera e suporía un aforro de 8.400 millóns de litros de auga cada ano.
Cerceda, a 13 de decembro de 2019.- Segundo un estudo publicado o pasado mes de setembro polo Comité Económico e Social Europeo sobre o impacto da economía circular no consumo, calcúlase que, a día de hoxe, existen ao redor de 700 millóns de móbiles en Europa que se gardan sen usar e que non se chegan a refugar ou reutilizar, ocasionando un negativo impacto ambiental.
O reacondicionado de teléfonos móbiles contémplase precisamente como unha das solucións para alongar a vida dos terminais e, ademais, reducir as emisións de CO2. De acordo con este informe, nun prazo de dez anos é posible reducir as emisións de CO2 nun 29% se se alonga a súa vida útil a un ano e nun 43% se se alonga a dous.
Conforme aos cálculos realizados por Back Market, marketplace especializado na venda de reacondicionado electrónico, coa reutilización de cada un destes aparellos evitaríase unha emisión media de 30 kg de CO2 á atmosfera e aforraríanse uns 12 litros de auga limpa. Polo tanto, a reutilización dos millóns de móbiles que actualmente gardan os europeos nos caixóns evitaría a emisión de 21 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera e suporía un aforro de 8.400 millóns de litros de auga cada ano.
Blanca Marín, Brand Manager de Back Market España, explica que “o teléfono móbil converteuse nun dos aparellos contaminantes que máis utilizamos, polo que é importante alongar ao máximo a súa vida útil. Cada vez que alguén se decanta polo reacondicionado, contribúe non só a aforrar os residuos electrónicos que implica refugar un dispositivo, senón tamén a reducir os gastos de fabricación do que se adquire e as emisións de CO2 que se producen durante a súa produción”.
O reacondicionado de teléfonos móbiles forma parte da economía circular, un modelo que promove o aproveitamento eficiente de recursos e a redución de residuos. Este sistema convértese así nunha alternativa ao tradicional modelo de economía lineal.
“A economía circular constitúe a mellor alternativa para lograr unha forma de vida menos daniña para o planeta e o cambio que xa podemos apreciar na demanda dos consumidores debe servir para concienciar á sociedade e as marcas da necesidade de facer un consumo responsable no noso día a día” explica Vianney Vaute, cofundador e CCO de Back Market.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Pixabay
Saúdos, Departamento de Comunicación