- Un panel de expertos presentou un informe de recomendacións, non só nos lugares onde se extraen os minerais, senón ao longo de toda a súa cadea de valor: desde a refinación e a fabricación ata o transporte e a reciclaxe ao final do seu uso
Cerceda, a 23 de outubro de 2024.- Dado que se agarda que a demanda de minerais críticos para as tecnoloxías de enerxía renovable se triplique en 2030, un panel de expertos publicou recentemente unha serie de principios reitores para garantir que as oportunidades da transición enerxética global se aproveiten con equidade e xustiza, estimulen o desenvolvemento sostible, respecten ás persoas, protexan o medio ambiente e impulsen a prosperidade nos países en desenvolvemento ricos en recursos.
Segundo os expertos, limitar o quecemento global a 1,5 graos para fin de século con respecto aos niveis preindustriais dependerá da subministración suficiente, fiable e asequible de minerais críticos para a transición enerxética coma o cobre, o litio, o níquel, o cobalto e os elementos de terras raras, que son compoñentes esenciais das tecnoloxías de enerxía limpa: desde turbinas eólicas e paneis solares ata vehículos eléctricos e almacenamento en baterías.
O informe aporta orientacións, non só nos lugares onde se extraen os minerais, senón ao longo de toda a cadea de valor: desde a refinación e a fabricación ata o transporte e a reciclaxe ao final do seu uso, e avoga por aproveitar a oportunidade de facer crecer as economías, protexer ás sociedades, preservar o medio ambiente e compartir os beneficios de maneira máis xusta en tanto se responde á crise climática.
As recomendacións do panel inclúen o establecemento dun grupo asesor de expertos de alto nivel con sede na ONU para facilitar o diálogo e a coordinación de políticas entre múltiples partes interesadas sobre cuestións económicas nas cadeas de valor dos minerais. Tamén chaman a deseñar un marco mundial de rastrexabilidade, transparencia e rendición de contas; crear un fondo para abordar os problemas herdados como resultado de minas abandonadas, sen propietario ou en desuso; e empoderar aos mineiros artesanais e de pequena escala para que se convertan en axentes de transformación e fomento do desenvolvemento.
A xestión ambiental e os dereitos humanos, así coma o fortalecemento da eficiencia material e a circularidade, son outras das recomendacións dos expertos, que lembraron que durante a Conferencia da ONU sobre Cambio Climático COP28, celebrada en Emiratos Árabes en decembro de 2023, os gobernos acordaron triplicar a capacidade de enerxía renovable e duplicar a eficiencia enerxética para 2030, e salientaron que ese obxectivo non é posible sen un aumento significativo da subministración de minerais críticos para a transición enerxética.
Oportunidades e riscos
Os países en desenvolvemento con grandes reservas de minerais críticos teñen a oportunidade de transformar e diversificar as súas economías, crear empregos verdes e fomentar o desenvolvemento local sostible. Con todo, o informe recalca que o desenvolvemento dos recursos minerais non sempre cumpriu esta promesa.
Sen unha xestión axeitada, o aumento da demanda destes minerais corre o risco de perpetuar a dependencia dos produtos básicos, exacerbar as tensións xeopolíticas e expón desafíos ambientais e sociais con impactos adversos no desenvolvemento sostible, incluídos os medios de vida, o medio ambiente, a saúde, a seguridade e os dereitos humanos.
Fonte: ONU
Imaxe: Pixabay