- Os integrantes do grupo tamén se mostraron moi interesados en perfeccionar os seus coñecementos sobre a correcta separación de residuos en orixe, convencidos de que este labor previo constitúe o cimento dunha reciclaxe de calidade
Cerceda, a 31 de xaneiro de 2024.- Alumnado da Universidade Sénior de Ferrol (UDC), concretamente da materia de Contaminación e Medio Ambiente, desprazouse esta mañá a Cerceda para coñecer as instalacións que conforman o Complexo Medioambiental de Sogama e, máis especificamente, os procesos industriais instaurados para dar o mellor tratamento posible aos residuos municipais procedentes de 295 concellos.
Algúns dos integrantes do grupo traballaran en Navantia, polo que xa estaban moi familiarizados co ámbito industrial, aínda que neste caso aplicado ao sector da construción naval.
Tamén se mostraron moi interesados en realizar unha correcta separación dos residuos en orixe, conscientes de que este labor previo constitúe o cimento dunha boa reciclaxe, polo que aproveitaron a ocasión para consultar aos educadores todas as súas dúbidas, incluíndo as relacionadas co contedor marrón, presente xa en distintos municipios galegos.
Con todo, a sorpresa foi maiúscula para o colectivo cando, equipados coas lentes inmersivas 360º, tiveron a oportunidade de realizar o percorrido virtual por todo o Complexo e desde distintas perspectivas, comezando pola planta de clasificación, onde se reciben os envases de plástico, as latas e os briks depositados polos cidadáns nos contedores amarelos para ser separados por tipoloxías e enviados aos centros recicladores. Proseguiron pola planta de elaboración de combustible, onde arrinca o tratamento da bolsa negra (fracción resto) depositada no contedor xenérico, seleccionando a parte reciclable para remitir á industria transformadora e acondicionando un combustible CDR a partir da non reciclable para xerar enerxía eléctrica.
A visita virtual complementouse co itinerario a pé, pechando a xornada cun coloquio no que expuxeron a súa satisfacción coa experiencia e a gran contribución á súa bagaxe ambiental.
Saúdos, Departamento de Comunicación