- Os participantes visitaron esta mesma mañá o Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer a súa operativa
Cerceda, a 12 de setembro de 2023.- Alumnado do obradoiro de emprego promovido polo Concello pontevedrés de Gondomar, coa colaboración da Xunta de Galicia, para a obtención do certificado de profesionalidade de xestión de residuos urbanos e industriais, visitou esta mesma mañá o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) co fin de complementar a parte teórica da súa formación neste sector.
Tralas explicacións impartidas polos monitores desta empresa pública, tiveron a oportunidade de realizar unha visita virtual con lentes inmersivas 360º para coñecer con todo detalle as distintas plantas que conforman a infraestrutura industrial e o labor a desempeñar por cada unha delas na xestión e tratamento das dúas fraccións de residuos que se atopan baixo a competencia de Sogama: bolsa amarela (envases de plástico, latas e briks), que selecciona mecanicamente por tipos de material para remitir aos centros recicladores, e bolsa negra (fracción resto), da que consegue extraer os materiais potencialmente reciclables, que envía á industria transformadora, convertendo en enerxía eléctrica aqueles que non se poden reciclar.
Esta visita virtual complementouse cun percorrido a pé polas instalacións, onde o grupo puido tomar nota dos puntos estratéxicos no tratamento de residuos e comprobar a magnitude dun equipo humano especializado en distintas áreas de coñecemento para dar unha xestión sostible aos máis de 2 millóns de quilos de refugallos que a empresa recibe cada día, con picos que poden chegar ata os 3 millóns diarios nos meses estivais.
Un milleiro de postos de traballo
Neste sentido, é preciso lembrar que a actividade de Sogama contribúe ao emprego verde cun total de 1.000 postos de traballo (500 directos e outros tantos indirectos), xerando ao mesmo tempo riqueza e actividade económica, non só no propio municipio no que se atopa o epicentro da súa actividade, senón no conxunto do territorio español a través dunha rede de infraestruturas que se complementará en breve con tres novas plantas de biorresiduos nas provincias de Pontevedra, Ourense e Lugo.
Saúdos, Departamento de Comunicación