- O colectivo tivo a oportunidade de visualizar unha exposición fotográfica na que se dá conta dos principais fitos da actividade desta infraestrutura industrial durante dúas décadas, así como de realizar un percorrido guiado pola mesma.
Cerceda, a 24 de xaneiro de 2020.- Un grupo de estudantes do Campus de Ferrol, e pertencentes á Universidade Senior da Coruña, visitaron esta semana o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda coincidindo co 20 aniversario da súa inauguración.
Desta forma, o colectivo tivo a oportunidade de visualizar unha exposición fotográfica na que se dá conta dos principais fitos da actividade desta infraestrutura industrial durante dúas décadas, así como de realizar un percorrido guiado polas distintas instalacións a través das cales discorre a xestión e o tratamento dos residuos urbanos que se atopan baixo a competencia desta empresa pública: os envases de plásticos, latas e briks depositados polos cidadáns nos contedores amarelos de recollida selectiva, que son separados mecánicamente por tipoloxías nunha planta de clasificación e remitidos posteriormente aos centros recicladores, e a fracción resto correspondente aos contedores verdes xenéricos, de onde extrae os materiais reciclables para posibilitar a súa transformación en novos produtos, sometendo o resto a valorización enerxética.
Os visitantes centraron a súa atención na nova planta de recuperación de materiais. Concibida en liña coa industria 4.0, está dotada coas tecnoloxías máis vanguardista e consegue seleccionar, do lixo en masa, ata 11 tipos de residuos que son remitidos á industria transformadora para ser convertidos en novos recursos.
A posta en marcha desta planta, así como a remodelación da antiga de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible, permitirá a Sogama incrementar a súa achega á reciclaxe e acadar en 2020 o vertido técnico cero, adiantándose en 15 anos ao cumprimento das esixencias do Parlamento Europeo.
Saúdos, Departamento de Comunicación