- Catro mozos do Grao en Xestión de Moda Industrial da UDC (Campus de Ferrol) foron seleccionados polo seu traballo no deseño e creación dun impermeable elaborado coa tea dunha carpa antiga.
- A indumentaria dos pescadores galegos serviulles como fonte de inspiración, pretendendo con esta iniciativa aportar o seu gran de area para que a industria da moda, unha das máis contaminantes do planeta, avance cara á sostibilidade.
Cerceda, a 20 de novembro de 2020.- Catro estudantes do Grao en Xestión de Moda Industrial da UDC (Campus de Ferrol) foron seleccionados polo seu traballo no deseño e creación dun impermeable elaborado coa tea dunha carpa antiga para participar na V edición do Maratón de Reciclaxe Creativa Téxtil, celebrado en Madrid e promovido pola Casa Encendida e a cooperativa Altrapo Lab.
A indumentaria dos pescadores galegos serviulles como fonte de inspiración, pretendendo con esta iniciativa aportar o seu gran de area para que a industria da moda, unha das máis contaminantes do planeta, avance cara á sostibilidade e se incentive a consecución dos ODS da Axenda 2030 de Nacións Unidas.
De feito, a súa proposta busca compensar as emisións xeradas durante a primeira fabricación dunha prenda ou obxecto mediante a recollidade todo tipo de residuos plásticos para darlles un novo uso.
O impacto ambiental e social da moda pode chegar a ser tan nocivo, que a corrente de moda circular posicionouse como unha das alternativas máis beneficiosas, toda vez que impulsa a sociedade de residuo cero, repensa o deseño, reutiliza os materiais e xera produtos de maior calidade que aumentan a súa durabilidade.
O maratón téxtil sumouse un ano máis ao movemento Fashion Revolution. Baixo o lema "A prenda máis verde é a que xa existe" (Yvon Chouinard), e en formato online, impulsou a reciclaxe e a reutilización do téxtil a través dun programa que inclúe cápsulas online onde cinco creadores/as deseñan e confeccionan unha prenda de upcycling -reciclaxe téxtil creativa- a partir de doutras en desuso recuperadas da súa contorna.
Fonte: UDC e La Casa Encendida
Imaxe: La Casa Encendida