- Trátase dunha plataforma que pon en contacto aos produtores adheridos a AMBILAMP-AMBIAFME con organizacións sen ánimo de lucro para a donación dos seus excedentes de stock e produtos fóra de catálogo, que en todo caso deben estar en perfectas condicións de funcionamento.
Cerceda, a 17 de decembro de 2020.- AMBILAMP-AMBIAFME puxeron en marcha AMBIPLACE, un Marketplace pioneiro en España creado para previr e evitar a xeración de residuos da industria eléctrica.
En España, todos os fabricantes actualizan os seus stocks de produtos de xeito periódico, xa sexa polo cambio de gamas ou por outros factores, como pode ser a acumulación de devolucións dos seus clientes. Estas empresas, en moitas ocasións, contan cunha cantidade de produtos sobrante que adoitaba ser entregado para reciclar.
A través do sitio web www.ambiplace.es, produtores con existencias de aparellos de iluminación e material eléctrico e electrónico que queden obsoletos, pero que estean operativos, poden poñerse en contacto con organizacións sen ánimo de lucro para doalos.
Neste marketplace social, os produtores adheridos á rede AMBILAMP-AMBIAFME contan coa plataforma na que poden subir as fotografías, características e cantidades dos produtos a doar, á vez que as organizacións sen ánimo de lucro teñen a oportunidade de publicar os seus proxectos e necesidades.
O obxectivo é contribuír aos proxectos solidarios e colaborar en iniciativas de pobreza enerxética, formativas ou contra a exclusión social.
Con carácter previo, AMBIPLACE encargarase de seleccionar e homologar ás organizacións sen ánimo de lucro destinatarias coa pretensión de asegurar que o seu fin é social e nunca comercial, sendo o produtor o que decide finalmente a entidade á que doará os seus artigos en stock, que deben estar en perfectas condicións de funcionamento e ser enerxeticamente eficientes.
Fonte e imaxe: FuturEnviro